Menu Xerais

Un libro que defende a necesidade de vivir experiencias inesquecibles: «Conexión Macarrón», de Ledicia Costas. Crítica en Lecturafilia

O blog Lecturafilia publicou unha recensión de Tensi Gesteira sobre o libro Conexión Macarrón, de Ledicia Costas, con ilustracións de Laura Suárez. O libro está publicado por Xerais na colección Merlín.

 

Conexión Macarrón, de Ledicia Costas (Xerais)

 

Aquel comentario fíxome rir. A amizade é iso. Unha regaña de sol que seca as bágoas e aspira a tristura coma a trompa dun elefante”.

Supoño que é un desexo común de todos os nenos e nenas o de querer vivir unha aventura inesquecible.Por iso, aínda cando a realidade teime en parecer normal, a cativada tende a imaxinar e a inventar os mundos máis fantásticos, uns mundos, por certo, ateigados de aventuras e soños imposibles. Iso é Conexión Macarrón, o novo libro de Ledicia Costas co que a autora viguesa defende a necesidade de vivir experiencias inesquecibles. Ela, creadora de novelas nas que as aventuras máis delirantes teñen lugar, reivindica o noso dereito a idear mundos marabillosos e a crer no que nos pete, como fan os protagonistas, Espe e Rino, dous nenos aos que non lles gustan os paraugas, e por iso agardan baixo un tobogán a que pare de chover. Ata que un día se lles aparece un señor fúnebre que os tenta con acompañalos á casa dado que vivía no seu mesmo edificio. A ese señor sospeitoso pronto o imaxinan como un extraterrestre, o que levará aos dous protagonistas a idear un plan macarrónico.

Conexión Macarrón conta coas fermosas ilustracións de Laura Suárez, que dotan o argumento de verosimilitude e realismo, e que fan que os lectores e lectoras gocemos dunha dupla lectura: dunha banda, a ideada pola propia autora e, doutra, a dos debuxos que complementan e engaden novos significados á historia.

A vida tamén é iso: soñar e quererse moito. Ata as estrelas”.

Este libro, a pesar da súa brevidade, contén moitas mensaxes que se sitúan ao mesmo nivel que a aventura. Por exemplo, non pasa desapercibida a defensa dos dereitos das persoas a soñar e a ser felices, ou o peso da amizade. Imaxino tamén que o señor misterioso que aparece neste libro ben podería simbolizar unha homenaxe ao avó da autora viguesa, un home que, segundo ela mesma recordou nas súas presentacións literarias, tiña moita imaxinación e ideaba inventos do máis curiosos.

Se aínda non coñecedes a Ledicia Costas, non deixedes de lela. Os seus libros gustan tanto a pequenos como a maiores, quizais porque é quen de describir sensacións universais.

Tensi Gesteira

Deixa un comentario!