Menu Xerais

Un proxecto ambicioso que reflicte a presenza dos viquingos en Galicia: «Ulf de Jakobsland. Os viquingos en Galicia», de Alberto Varela Ferreiro. Crítica de Ramón Nicolás

O escritor e crítico literario Ramón Nicolás publicou no seu blog Caderno da Crítica unha anotación sobre o cómic: Ulf de Jakobsland. Os viquingos en Galicia, de Alberto Varela Ferreiro. O libro está publicado por Xerais na colección infantil e xuvenil Cómics.

 

Ulf de Jakobsland. Os viquingos en Galicia, de Alberto Varela Ferreiro

 

Non paso de simple diletante tanto do xénero da novela gráfica como do universo dos viquingos, malia intentar poñerme ao día, neste último aspecto, cunha das series máis coidadas que vin nos últimos tempos titulada, precisamente, Viquings e, agora, co presente Ulf de Jakobsland. Os viquingos en Galicia.

Un dos fillos do protagonista da devandita serie audiovisual, Ragnar Lodbrok, a carón doutros guerreiros, foi un deses viquingos que arribaron ás costas galegas aló polo ano 844 e así aparece reflectido nesta proposta de Alberto Ferreiro, que xa se achegara a outro acontecemento histórico como foi a Guerra de Independencia con 1809. A rebelión Neria.

Ulf de Jakobsland é, sen dúbida, un proxecto ambicioso que reflicte, tras manexar unha moi abondosa documentación, a presenza dos viquingos en Galicia a través das pegadas que deixa un antigo xefe viquingo, Ulf Galiciefarer, que se converteu ao cristianismo e que chega ao Faro Brigantium para facer o Camiño de Santiago onde el mesmo gañou celebridade polos ataques que perpetrou en territorio galego entre 1028 e 1048. Esta viaxe resultaralle operativa ao protagonista para evocar os tempos pasados e comparalos co momento en que percorre os seus derradeiros días de vida.

Un mapa das sucesivas invasións viquingas en Galicia, un útil glosario -toponímico, antroponímico e conceptual-, alén dunha útil bibliografía poñen o ramo a esta coidada novela gráfica que, ademais, moito pode axudar ao coñecemento e divulgación desta parte da nosa historia tan descoñecida nunha linguaxe asequible, próxima e chea de rigor.

Ramón Nicolás

Deixa un comentario!