Menu Xerais

Un universo simbólico onde o humano e o fantástico se unen: «Somos os monstros», de Paula Carballeira. Crítica de Alba Piñeiro en «Versos e aloumiños»

O blog Versos e Aloumiños, que dirixe Antonio García Teijeiro, publicou unha anotación de Alba Piñeiro sobre o libro: Somos os monstros, de Paula Carballeira, ilustrado por Ignacio Hernández Fernández. O libro gañou o X Premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil 2018, e está publicado por Xerais na colección Biblioteca Dramática Galega.

 

«Somos os monstros», de Paula Carballeira

 

Somos os monstros é unha obra teatral que foi coeditada pola Axencia Galega das Industrias Culturais, a Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia e Edicións Xerais de Galicia, na colección Biblioteca Dramática. Esta obra vén avalada por ser a gañadora do X Premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil 2018.
     A súa autora, a escritora e actriz Paula Carballeira, é unha persoa ben coñecida dentro do panorama da LIX, tendo cultivado diversos xéneros literarios para diferentes idades pero sempre cun transfondo social, humano, que convida á reflexión. E  Somos os monstros non é unha excepción.
Trátase dunha peza teatral composta por doce escenas pequenas e cun elenco de personaxes xenéricos fixos (Nena, Neno, Monstro grande, Monstro pequeno, Pai e Xente) que representan a todos os do seu xénero, pois a autora afonda na súa psicoloxía e amósanos como, no fondo, os monstros e os humanos non somos tan diferentes.
A partir dunha trama sinxela (Nena e Neno pérdense de noite no bosque queimado no que estaban xogando e aparecen os monstros) e artellada cunha linguaxe clara, directa, expresiva e non exenta de humor, substentada sobre todo nos diálogos dos personaxes, créase un universo simbólico onde o humano e o fantástico se unen cando cae a noite e xa non se sabe quen é o monstro e quen o humano, pois ao fin, todos buscan a convivencia sen prexuízos.
     Ademais plantea o tema do medo nas diversas vertentes: medo ao descoñecido, á escuridade, á soidade a través da figura dos monstros, pero…Quen son os monstros?
E tamén permite abrir portas a novas lecturas sobre temas actuais: relacións pais-fillos, a importancia do xogo compartido, do respecto e coidado do noso medio natural e das diferentes especies para lograr crear un futuro mellor, plural e solidario.
      As vivas e coloridas ilustracións de Ignacio Hernández a partir de trazos sinxelosdanlles vida aos personaxes compartindo o ton textual.
Páx.36:”Monstro pequeno:Eu son un monstro pequeno que busca grandes medos”
Páx.44: “Monstro grande: Comemos o que nos deixades. Vivimos onde nos deixades. Aparecemos cando nos deixades. Fostes vós quen escollestes o día, os camiños sen silveiras. Sodes vós quen asustades os vosos fillos e as vosas fillas. Nós só estamos e, ás veces, xogamos.”
Páx.59: “Nena: Podemos ser estraños, diferentes e perigosos.”
Páx.61: “Nena: Cadaquén vive onde pode ou onde lle deixan.”

Deixa un comentario!