Menu Xerais

Unha alegación de corte pacifista: «A guerra dos botóns», de Louis Pergaud. Crítica de Ramón Nicolás

O escritor e crítico literario Ramón Nicolás publicou no seu blog Caderno da Crítica unha anotación sobre o libro: A guerra dos botóns, de Louis Pergaud. O libro está publicado por Xerais na colección Fóra de Xogo.

 

A guerra dos botóns, de Louis Pergaud

 

A guerra dos botóns gozou de numerosas versións cinematográficas que, talvez, fixeron esquecer que todas estas, na realidade, bebían dunha obra literaria, moi célebre no seu tempo, que ideou Louis Pergaud  e que se publicaría no ano 1912, tres anos antes da súa morte nun combate na Primeira Guerra Mundial, algo certamente contraditorio co espírito que domina esta novela na que sobresae unha alegación de corte pacifista, dalgún xeito antimilitarista, no relato dun mundo xa desaparecido que xira arredor da rivalidade e pelexas entre o colectivo infantil de dúas pequenas vilas rurais de Francia -Berláns e Lomberna- onde o maior tesouro acadado, o maior botín de guerra, sería o da máxima cantidade de botóns posibles pois estes resultan ser o símbolo das vitorias.

Con todo, as pelexas e liortas entre rapaces dun e doutro bando é só parte da historia, porque hai moitas máis e entre cómpre citar aquela loita, obstinada, contra a propia autoridade que representan os pais e, dalgún xeito, a escola. Para todo isto apélase ao enxeño nun contexto onde o rol feminino se reduce, nun patriarcado verdadeiramente aterrador, aos labores domésticos, tan só quebrado pola figura dunha rapaza, irmá dun dos protagonistas, que goza de certa relevancia na trama, incluída tamén no deseño dunhas clases sociais con límites moi férreos e que resultan operativas para falar da propia condición humana.

Pergaud confesou que quixo escribir un libro “galo, épico e rabelaisinano” e abofé que o conseguiu.  Hai, asemade, un pouso memorialístico recoñecido nesta obra, isto é, o que se sitúa no período da infancia do autor, se cadra aquela fase de formación máis primitiva e primixenia, máis pura e inocente e, por tanto, “liberado das hipocrisías da familia e da escola”. Un libro, talvez, respecto do que é preciso situarse no contexto en que se escribiu pois de aí nace unha pátina irónica, ás veces humorística, operativa se prestamos a complicidade necesaria como lectoras e lectores.

Non sería xusto obviar o excelente traballo de tradución a cargo de Xoán M. Garrido e Mercedes Isabel Martínez que encararon o seu labor aplicando o criterio de converter o rexistro oral dos personaxes nun elemento que axuda a perfilalos, quen o dubida, con solvencia e absoluta verosimilitude.

Ramón Nicolás

Deixa un comentario!