Menu Xerais

Unha auténtica aventura marítima duns rapaces ben afoutos: «Illas a sotavento», de Henrique Dacosta. Crítica de Xosé Manuel Eyré

O crítico Xosé Manuel Eyré publicou no seu blog Ferradura en tránsito unha recensión sobre o libro: Illas a sotavento, de Henrique Dacosta. O libro gañou o XXV Premio Manuel Lueiro Rey de Novela Curta e está publicado por Xerais na colección Narrativa.

 

Crítica de «Illas a sotavento» (Henrique Dacosta)

 

Nunca sabes o que vas atopar: Se es un/unha lector/lectora fiel das novidades en lingua galega, ben o has saber. Neste caso, non hai moito tempo que aquí dixemos que Exogamia 0.3, Endogamia o.2  e Sigamia 1.1 de Ramón Caride merecen unha edición conxunta para adultos, porque está éditos en colección para lectores novos (“Fora de Xogo”) e son títulos que os adultos non debrían ignorar (son do mellor da narrativa breve das últimas décadas), pois vai agora e lemos este Illas a sotavento de Henrique Dacosta e atopámonos cun discurso que viu a luz en colección para adultos e resulta narrar unha historia que de todas todas ten o seu lectorado ideal entre os lectores máis novos. Isto é menos grave que o anterior, os lectores novos están máis habituados a ler títulos en coleccións diferentes e non sempre, ou non só, naquelas a eles destinadas. Na nosa opinión. En troques é o lector adulto o menos afeito a ter como lecturas títulos de coleccións para os máis novos. E non saben o que perden. Porque, por exemplo e falando da colección “Fora de Xogo” antes mentada, contén títulos moi interesantes para a lectura adulta.

Mais permítasenos non  continuar por este vieiro, e abonde o dito, porque o que nestas liñas temos que facer é escribir sobre a novela breve de Henrique Dacosta, Illas a sotavento, que, por certo é o XXV Premio Lueiro Rey de Novela Curta, non se esqueza este aval, como nós non esquecemos parabenizar os organizadores do premio nesta especial convocatoria, xa van alá XXV edicións e o certame está absolutamente consolidado como unha das citas ineludíbeis do lectorado galego cada ano.

Temos que comezar dicindo que a novela breve de Henrique Dacosta nos comezou lembrando o Soño de infancia de Moncho Rouco (Xerais, 2017) , pois no inicio relátase o enfrontamento entre dúas pandas de rapaces rivais. E isto, trasladado á Coruña e noutro abano temporario, está moi ben tratado na novela de Moncho Rouco. E, coma daquela e se cadra con máis razón, debemos tamén indicar que esta novela breve diríxese preferentemente á nostalxia adulta, ou iso debemos entender polo feito antes indicado de estar editado en colección para adultos e, aínda máis, despois de lle ser concedido un premio tamén para adultos. Vén reafirmar isto o feito de que a meirande parte da trama aparece encadrada entre dous capítulos que, eses si, eses semellan estar redactados para adultos, ou polo menos ben se pode dicir que se desmarcan  do ton de aventuras de rapaces que en realidade é o que conforma a novela.

Mais, non o esquezamos, isto é ao inicio. Porque despois a trama vai derivando deica o que é unha auténtica homenaxe a R.L. Stevenson a a súa Illa do do tesouro, xa non só porque aparece mentada no discurso, senón tamén porque algúns nomes que adopatan os rapaces, e non só os rapaces, proveñen de aí, porque tamén están o capitan Billy Bones e a pousada Benbow, ademais de que Dacosta pon en galego a famosa canción pirata. Alén diso, e se queremos seguir procurando acenos, detrás do nome Ian Gordon pode atoparse referencia ao autor australiano homónimo. E con isto estamos a dicir que aquilo que semellaba unha “guerra de bandas” da rapazada (que tampouco deixa nunca de haber ese enfrontamento entres elas) deriva primeiro nunha novela de espionaxe e despois no que a define realmente: unha aventura “marítima” para a cal os membros da banda contribúen de maneira moi industriosa. E, como a novela non se sitúa temporariamente en días contemporáneos, ben faría a mocidade de hoxe se aprendera que hai maneiras de divertirse, e divertirse moito, alén das pantallas, e que por riba son máis enriquecedoras e emocionantes.

Todo isto, enmarcado por eses dous capítulos citados nunha novela para adultos mais que , en realidade, nunca deixa de ser unha novela de aventuras, ben levada, da rapazada inquieta que non para de inventar novas maneiras de divertirse nun mundo que non lles ofrece moito alén de tempo de lecer que eles teñen que xestionar botando man daquilo que atopan e que reciclan (esa palabra tan de moda) para o seu uso posterior no que é unha auténtica aventura marítima duns rapaces ben afoutos.

Xosé Manuel Eyré

Deixa un comentario!