Menu Xerais

Unha boa e áxil lectura dunha das voces máis importantes do panorama galego de literatura xuvenil.: «A balada dos unicornios», de Ledicia Costas. Anotación no blog: «De perdidos al libro»

Daniel P. publicou no seu blog, De perdidos al libro, unha anotación sobre o libro: A balada dos unicornios, de Ledicia Costas, ilustrado por Mónica Armiño. O libro recibiu o Premio Lazarillo 2017 – Premio Fervenzas Literarias ao Mellor libro xuvenil, 2018 – Premio Fervenzas Literarias á Mellor capa de LIX do 2018, e está publicado por Xerais na colección infantil e xuvenil Camaleón.

 

A balada dos unicornios, de Ledicia Costas

A Balada dos Unicornios, trásladanos ao Londres do século XIX, pero o Londres de Ledicia Costas existe nun mundo fantástico e steampunk. A historia segue a Ágata, unha das mellores alumnas da Escola de Artefactos e Oficios, que ten que emprender unha aventura para salvar a León, un dos seus mellores amigos, que está a piques de morrer. Nesta viaxe afrontará obstáculos antes de chegar ao seu destino, e descubrirá segredos que cambiarán todo o que, ata entón, ela coñecía.

É unha historia curta, que se le moi rápido, pero na que, ao principio, custa adentrarse. O principal problema é que nos primeiros capítulos o lector ou lectora recibe moita información de golpe, polo que custa enterarse do que está a acontecer na novela. Pero conforme pasan as páxinas, ese ritmo acelerado axuda á axilidade da lectura, e, polo tanto, é de agradecer. Aínda que o desenlace tamén precise dun ritmo máis lento, xa que o conflito resólvese, de novo, moi rápido.
A protagonista de A balada dos unicornios, é dicir, Ágata, é unha personaxe feminina empoderada, convértendose na heroína da súa propia historia. É unha rapaza científica que ten que loitar por lograr obter o título de Xenio, a pesar de ter as capacidades necesarias para el. Tal e como falabamos na reunión do clube de lectura no que participo, a literatura xuvenil precisa de máis protagonistas femeninas que amosen que as mulleres tamén poden ser as heroínas da súa propia historia.
Ademais das reivindicacións feministas, Ledicia Costas reivindica os dereitos dos animais dun modo orixinal e impactante, que é mellor que o lector ou lectora descubra por si mesmo. Amosa dun xeito claro e directo a crueldade que reside no maltrato animal, de modo que é difícil quedar indiferente ante as escenas tocantes a este tema.
Ledicia Costas constrúe o mundo de A Balada dos Unicornios moi intelixententemente, pois perfila os aspectos básicos dunha forma o suficientemente ampla como para ser capaces de imaxinar a realidade na que existe a Escola de Artefactos e Oficias. Pero, por outra banda, tamén deixa a imaxinación do lector ou lectora certos aspectos máis irrelevantes.
Destaca, ademais, no terreo da construción do mundo a ambientación londinense de dous séculos atrás, mesturando realidade e fantasía. A autora toma unha personaxe real tan coñecida como é Jack o Destripador para convertirlo nun personaxe máis de A Balada dos Unicornios. Nese aspecto, Ledicia sorprendeume para ben; pareceume moi intelixente a súa decisión creativa.
Un punto moi a favor de Ledicia Costas é a súa percepción dunha literatura xuvenil sen censura. De feito, recoméndovos antes ler a novela en galego que en castelán, xa que, na reunión do clube de lectura á que asistiu Ledicia Costas, explicou que na edición orixinal as escenas de Jack o Destripador están editadas. Por ese motivo, se tedes a oportunidade, de ser vós lería a novela en galego, ademais de que sempre é mellor ler un libro na lingua na que foi escrito.
En conclusión, A Balada dos Unicornios é unha novela que mestura realidade e fantasía, ambientada no Londres do século dezanove, protagonizada por unha rapaza intelixente e carismática. Unha boa e áxil lectura dunha das voces máis importantes do panorama galego de literatura xuvenil.

Daniel P.

Deixa un comentario!