Menu Xerais

Unha fabulación que plasma moi ben o medo irracional das sociedades a aquilo que ven de fóra: «Kusuma», de Héctor Cajaraville. Crítica no blog Palabra de Gatsby

O blog Palabra de Gatsby publicou unha recensión de David González Domínguez sobre o libro: Kusuma, de Héctor Cajaraville, ilustrado por María Sánchez Lires. O libro gañou o Premio Merlín de Literatura Infantil, 2018, e está publicado por Xerais na colección infantil e xuvenil Merlín.

 

‘Recensión: Héctor Cajaraville, «Kusuma»


Non hai dúbida de que Héctor Cajaraville é un dos autores máis destacados dos últimos anos. Proba disto é que conta case todas as súas publicacións por galardóns e que sempre recibiu críticas positivas por parte de público e crítica académica. No ano 2018 gañou o Premio Merlín convocado por Xerais pola novela Kusuma, unha brillante fábula ecoloxista da que neste artigo tedes as miñas impresións.

Kusuma é un libro brillante tanto pola realidade que conta como pola forma de contala. Este libro ten como protagonistas a animais que actúan sistematicamente cos mesmos prexuízos sociais e raciais que os seres humanos. A historia é por iso unha fabulación da nosa triste realidade social e que plasma moi ben o medo irracional das sociedades a aquilo que ven de fora, sexan cales sexan as condicións nas que ven. Todo isto camúflase nunha historia chea de aventuras e conflitos que se solventan por medio da amizade e da cooperación entre especies.

O talento do autor vese na maneira en que ese camuflaxe é o suficientemente denso para gozar da narración nun sentido literal como para que as propias crianzas cuestionen o seu propio modelo de sociedade censurando os erros deste sistema social “animal”. A narración é de incuestionable calidade así como introduce uns diálogos moi axeitados ó formato do conto tradicional.

En resumo, Héctor Cajaraville non só publica unha novela que con seguridade lerán con pracer moitos dos nenos galegos, senón que lega tamén un material didáctico de moita calidade para que os docentes traballen nas aulas cos máis pequenos. Unha metáfora do noso mundo a través das historias duns animais que teñen moito máis de racionais ca nós.

Deixa un comentario!