Menu Xerais

Unha historia da nosa literatura que xa é unha referencia para os estudosos e críticos literarios: «Historia da Literatura Galega IV», de Xosé Ramón Pena. Anotación no xornal El Correo Gallego

O xornal El Correo Gallego publicou unha anotación do profesor Xosé Luis Couceiro sobre o libro: Historia da Literatura Galega IV. De 1936 a 1975. A “longa noite”, de Xosé Ramón Pena.

 

«Historia da Literatura Galega IV», de Xosé Ramón Pena

A editorial viguesa Edicións Xerais, desde este pasado mes de marzo, está distribuíndo entre os seus subscritores e seareiros un novo volume, o cuarto, dunha historia da nosa literatura que xa é unha referencia para os estudosos e críticos literarios nos períodos considerados, unha obra aínda en curso de publicación de Xosé Ramón Pena: Historia da Literatura Galega, I. Das orixes a 1853 (Xerais 2013); Historia da Literatura Galega II. De 1853 a 1916. O Rexurdimento (Xerais 2014); Historia da Literatura Galega III. De 1916 a 1936. A xeira das Irmandades (Xerais 2016), e Historia da Literatura Galega IV. De 1936 a 1975: A longa noite (Xerais 2019). O ano 1975 está o suficiente arredado de nós para entendermos que a este cuarto volume halle seguir, polo menos, un quinto que encha ese democrático espazo temporal.

 

Falamos máis arriba de ‘singular’ non só pola orixinalidade que se lle supón a todo libro que publica un autor e a súa editorial -e que aquí lle cadra plenamente- senón porque obra é o resultado dun esforzo e empresa intelectual que moi poucas veces ten atopado parangón na nosa historiografía literaria moderna. Singular, tamén, como cabe supoñer, porque non se trata dun esforzo limitado aos anos que van entre 2013 e 2019, como imos ver.

Felizmente o doutor Xosé Ramón Pena, doutor pola Universidade de Santiago, é un intelectual ben coñecido e recoñecido pola súa actividade, non só como profesional recentemente xubilado do ensino, senón tamén como creador literario, -narrador fundamentalmente-, articulista, ensaísta e animador cultural desde as páxinas do Faro de Vigo. Pero pode haber algún lector ao que lle resulten alleas estas actividades ou simplemente o seu diario de lectura é o Correo Gallego. Para estes grupos trato de falarlles da vida e obra deste noso autor. En primeiro lugar como creador el mesmo de textos literarios, pois é un dos máis relevantes novelistas da nosa cultura, con diversos premios outorgados por xurados que reafirman a valía do narrador. Estas son as súas credenciais segundo a Wikipedia: O reverso do espello (1984), Para despois do adeus (1987), Paixóns privadas (1991), A era de Acuario (1997), Fado de princesa (2005), A batalla do paraíso triste (2008), Como en Alxeria (2012).

Foron moitos os anos que este profesional do Ensino dedicou aos seus alumnos, practicamente dende os días que se licenciou na nosa facultade de Letras, con dobre licenciatura en hispánicas e galego-portugués; os seus alumnos, desgraciadamente máis ocasionais do que sería desexable para unha boa saúde universitaria, repartíronse entre a Universidade de Vigo e a Universidade de Educación a distancia, aparte de estancias prolongadas en iguais institucións académicas californianas ou suízas. Pero sen dúbida os beneficiarios directos da súa docencia foron os alumnos do instituto Santa Irene de Vigo.

Pero esta docencia non se limitou ás catro paredes dunha aula, coa que cubriría o seu labor administrativo, e pola que o ministro Montoro ou o seu substituto de quenda lle pediría contas, senón que procurou preparar textos literarios, rigorosamente e cientificamente controlados, que lles facilitarían a alumnos e profesores doutros centros a comprensión do feito literario. Cabanillas, Manuel Antonio ou un Martín Codax resúltannos máis accesibles grazas aos seus estudos, e se hoxe podemos abordar con máis soltura a literatura medieval debémolo a manuais como os que proporcionou a este fin: Historia de la literatura medieval galego-portuguesa (Xerais, 2002) coa correspondente moi ben anotada antoloxía.

É esta particularidade de medievalista unha das diferenzas máis notables da Historia da Literatura Galega con respecto a outras historias da nosa historiografía. Medievalista que deriva da súa formación non só da súa etapa como estudante, senón tamén ás súas publicación de investigación e das encamiñadas ó ensino, das relación que mantivo con recoñecidos especialistas da área como foron, entre outros, os recentemente falecidos G. Lanciani e G.Tavani ou os felizmente vivos R. Lorenzo, P. Lorenzo ou M.Brea da Raia para aquí ou E. Gonçalves ou M.A. Ramos da Raia para aló. Que quere dicir isto?. Sinxelamente que é a mesma mirada, idéntica mirada a que sopesa, xulga ou explica o fenómeno literario, coas súas peculiaridades de época, de atrás a diante, a particular mirada que dá conta do sistema literario dun período ou da súa ausencia, a mesma mirada e xuízo que facilita ou amplía o noso desfrute como lectores.

Volvendo ao volume que comentamos, vemos que cronoloxicamente abarca un período (de 1936 a 1975) que coincide co da ditadura de Franco, iniciada xa na rebelión contra a República, e do seu réxime que limitou, entorpeceu ou, sinxelamente, prohibiu as manifestacións culturais en lingua galega, catalá ou vasca, como política xeral, con poucas excepcións. Só co paso dos anos diminuirá esta actitude censora. Os detalles, causas e efectos, historiados e postos no seu contexto sociopolítico preséntaos o autor, como é habitual en toda esta magna obra, nas primeiras cen páxinas, para logo pasar xa ao estudio da literatura que, mal que ben en plena ditadura, vai penosamente chegando aos poucos lectores de entón, ata pouco antes de mediados dos sesenta. A esta censura escapa, naturalmente, a literatura producida no exterior pero perseguida aquí na súa distribución, unhas obras ‘perigosas’ para a represión pois veñen, xa que logo, do pensamento libre. A figura sobresaínte dos dous modos literarios, lírica e narrativa, é de A. Cunqueiro, acompañado de Iglesia Alvariño, Carballo, Díaz Castro ou Fole, entre outros. Ocupan os capítulos catro e cinco.

Os tres capítulos seguintes sérvenlle ao estudoso para situar a produción literaria galega nun medio sociocultural que el entende novidoso dentro da política hispana e que se sobrepón á última xeración da ditadura: examínase a actitude resistente dos intelectuais galegos ó redor de editoriais, -escritores, en definitiva-, do sindicato ou do mundo universitario. O capítulo octavo repasa a situación social e lingüística do galego, nunha etapa en que, cos seus falantes, está abandonando o mundo rural camiño das urbanizacións do interior e, sobre todo, nas da costa.

Aínda que o noso ensaísta é un entusiasta do mundo medieval, é a literatura contemporánea o seu hábitat natural: estudos, artigos, monografías, conferencias e ata pregóns confirman esta inclinación. Nesta segunda parte da Historia destacan os capítulos dedicados a Celso Emilio, a Manuel María ou a Novoneyra, recalcando as características líricas que os individualizan entre un apreciable colectivo poético. Este período que vai do 62 ao 75 que acolle boa parte da produción cunqueiriana complétase cun atento exame da prosa emérita de E. Blanco-Amor e, quizais inesperada, do caso do non hai tanto tempo falecido Neira Vilas ou o da narrativa urbana de X. Torres, cubre o capítulo décimo. O undécimo e último da Historia está consagrado enteiramente ao teatro. Son corenta páxinas que recollen ecos do volume III, cando este xénero se instala na nosa literatura, pero que se afianza no século XX por obra de dramaturgos coñecidos noutros xéneros: Castelao, Dieste, Cunqueiro, Carballo Calero, X. Torres ou Manuel María. Nos derradeiros apartados aparecen os novos, centrados xa no xénero, especialistas, como son M.Lourenzo e D. Cortezón.

O IV volume conclúe cunha extensa bibliografía puntualmente citada, edición e páxina: son trinta e cinco páxinas de libros, monografías, teses, artigos seleccionados, etc. Non figuran, xa que logo, outros materiais consultados que non se citan expresamente, como poden ser biografías, prólogos e introducións a unha determinada obra literaria ou obras completas; outras danse por asumidas na formación do ensaísta ou foron aparecendo en volumes anteriores, como poden ser a Historia de Del Riego ou os Sete poetas de Carballo Calero, precedentes claros seus na materia e cos que X.R. Pena mantivo un trato moi persoal cando non de estreita amizade. Esa bibliografía citada orixina no seo da obra un diálogo, ás veces unha controversia (Séculos escuros, Xeración Nós, caso M. Mariño) no que se expoñen os puntos esenciais dunha valoración estética, puntos que poden aceptarse, matizarse ou rebaterse, pero sempre razoadamente.

Dúas notas máis: opérase unha selección tanto no número de autores como dentro da súa obra completa. Fundamentalmente son razóns de eficacia estética as que poden levar a esa exclusión, ben sentida, xa que pode afectar a colegas entusiastas e ben queridos -estes de momento poucos-, por motivos de idade, pero que nun esperado V volume poden resultar ben máis numerosos. Isto apunta a un rigor estimable nas valoracións. Cónstame. A segunda nota moi apreciable en todos os volumes, pero especialmente neste, é o esforzo e coidado que puxo o seu autor para contextualizar historicamente a publicación das obras. O momento. Esta preocupación dálle ao lector de hoxe a posibilidade de aquilatar o desfase ou a oportunidade dese produto. É nota especialmente relevante nos tempos da ditadura franquista para poder medir comportamentos éticos, non so estéticos.

En poucas palabras, a Historia da Literatura Galega nos seus catro volumes é hoxe por hoxe o instrumento máis axeitado e completo para valorar o noso pasado literario, feito por un especialista de moi ampla formación e información hispana -sobre todo literaturas de expresión portuguesa e castelá- no xénero, feito, digo, para outros especialistas, pero non tan alongado do común saber das persoas cultas que non poida ser aproveitado por diversos lectores xa.

Deixa un comentario!