Menu Xerais

Unha novela cosida cos retazos duns personaxes afectados pola inmundicia do mundo no que viven: «Non o saben as estrelas», de Diego Alfonsín. Crítica no blog Palabra de Gatsby

O blog Palabra de Gatsby publicou unha recensión de David González Domínguez sobre o libro: Non o saben as estrelas, de Diego Alfonsín, publicado por Xerais na colección Narrativa. O libro gañou o XXIV Premio Manuel Lueiro Rey de Novela Curta.

 

‘Recensión: Diego Alfonsín, « Non o saben as estrelas»


Ás veces moitos libros en galego non reciben moita atención pola cantidade de novidades que saen as librerías cada mes, pola ausencia dunha personalidade literaria importante ou por a coincidencia en espazo e tempo con outros libros máis desexados polo lectorado. Por iso aproveito para traer o comentario dun texto que foi bastante pouco comentado no seu momento, mais penso que ten cousas interesantes que dicir.

Non o saben as estrelas de Diego Alfonsín é unha novela curta que recibiu o Premio Manuel Lueiro Rey de Novela Curta e que sen dúbida é un texto iniciático mais no que se visualiza bastante talento. Por suposto nesta historia hai moitas eivas en relación coa súa estrutura ou algúns feitos non perfectamente detallados e que afectan á comprensión, mais sen dúbida neste título hai bastante materia literaria.

Na miña opinión, este é un libro que se compón de moitísimas imaxes diversas que se crean en base a actitudes e situacións habituais na nosa sociedade, mais as ligazóns que se realizan entre elas teñen moito de literarias. Diego Alfonsín constrúe un texto con moitas ideas sólidas e trazadas cun carácter innovador e que realmente conseguen que o lector se interese polo texto. O que conta pode ser criticado de moitas formas mais a forma de contalo é bastante interesante.

Todos os personaxes desta novela están afectados pola inmundicia do mundo no que viven, e existen en base as súas necesidades máis profundas, tanto que as necesidades primarias non son relevantes na novela. Todos circulan pola cidade que o autor crea, sen pasar realmente por ela. Os personaxes vagan por ela esperando unha oportunidade que nunca chega e que rematará en desgraza.

En resumo, coido que este libro de Diego Alfonsín merece unha oportunidade. Non é un libro perfecto mais é bastante interesante de ler e hai no fondo algo de talento literario que con traballo pode dar lugar a moitos títulos interesantes.

David González Domínguez

Deixa un comentario!