Menu Xerais

Unha novela das que merece a pena ler: «Memoria do silencio», de Eva Mejuto. Crítica no blog Palabra de Gatsby

O blog Palabra de Gatsby publicou unha recensión de David González Domínguez sobre o libro: Memoria do silencio, de Eva Mejuto. O libro está publicado por Xerais na colección Fóra de Xogo.

 

‘Recensión: Eva Mejuto, «Memoria do silencio»


Coido que as novelas sobre a segunda guerra mundial ou que exploran a constitución e expansión do nacionalsocialismo alemán son hoxe en día demasiadas como para aportar algo novo. Incluso dende hai uns anos publicáronse moitísimos materiais tanto, ficcionais como científicos, sobre a influencia de Galicia e as nosas minas de wolframio no devandito conflito bélico. Sen embargo atopámonos no mercado Memoria do silencio publicada por Eva Mejuto. ¿Que terá de interesante entón unha novela cunha ambientación da que xa se dixo moito? A resposta é simple: como se conta e quen a conta

Nesta novela temos un protagonismo feminino incuestionable onde vemos á muller en primeira liña de combate. Non cunha vulgar escopeta, senón xogando as súas cartas cunha admirable intelixencia nun conflito onde a historia deulle un papel secundario. Lola e a súa familia arriscan a vida por salvar a xente dunha forma totalmente heroica máis sen caer no tópico de loar as súas propias xestas. A súa humanidade e afouteza fai delas un exemplo para calquera.

Günter é un neno educado nun sistema onde cuestionarse significa rebelarse ante uns valores indiscutibles. É un soldado da Gestapo que sofre profundamente pola perda da súa identidade en favor dunha máscara que tivo que adoptar por obriga e por influencia dos demais. Como personaxe é interesante, mais prototípico. Sorprenden algunhas das súas decisións, mais o seu papel na historia non impresiona.

Esta novela cóntase dando o protagonismo a aquelas persoas que participaron no conflito dalgunha forma e que non nomean os libros de historia. A autora aclara no final do libro as inspiracións reais de moitos personaxes e mesmo a integración dalgúns reais na propia historia. Entristeceume descoñecer profundamente datos sobre estas heroínas case anónimas que integran a historia.

En resumo, Memoria do silencio é unha novela das que merece a pena ler. Coido que o único aspecto negativo que ten é que a historia remata demasiado rápido e déixanos con ganas de explorar moito máis a triste realidade da época e os seus ambientes.

David González Domínguez

Deixa un comentario!