Menu Xerais

Unha novela difícil de esquecer, tanto polo que conta por como o conta: «O mar que nos leva», de Moncha Fuentes. Crítica de Xosé Manuel Eyré

O crítico Xosé Manuel Eyré publicou no seu blog Ferradura en tránsito unha recensión sobre a novela: O mar que nos leva, de Moncha Fuentes. O libro está editado por Xerais na colección Narrativa.

 

Crítica de «O mar que nos leva» (Moncha Fuentes, Xerais)

 

Vén sendo frecuente que, cada ano, Xerais nos sorprenda coa aposta por un título dun autor/autora descoñecido/a que se converte na grande sorpresa, na grande revelación literaria dese ano. E en 2018 foi esta O mar que nos leva, de Moncha Fuentes. De Moncha Fuentes sabiamos algo sobre todo polo seu labor no eido da tradución, desde o francés (sobre todo cómic), desde o portugués ( centrada na obra de Bento da Cruz) ou do galego ao castelán (Amor de Artur e No ventre do silencio, as dúas de Méndez Ferrín) ou polas súas colaboracións nos Cadernos Ramón Piñeiro ou A trabe de ouro. Mais nunca se decidira a poñer o seu nome debaixo do título dunha obra propia. Até esta O mar que nos leva que hoxe traemos a estas páxinas críticas da Ferradura, e que constitúe a grande revelación literaria do ano pasado, sendo merecente de moi boas críticas así como de moi boa acollida por parte do lectorado. Razóns non faltan, e ímolas expoñer a continuación.

Para esta súa estrea narrativa, Moncha Fuentes atreveuse cunha novela moi esixente no plano formal e que, a través da vida dunha personaxe central, Mariña Brei, da cal se relata a súa vida, non desantende algúns dos episodios centrais da historia do século XX na Galiza, como son o 68 compostelán, as folgas do 72 en Vigo ou emigración á Arxentina dos anos 30. Mais a  de Mariña Brei non será a única voz que nos conduza por esta historia dunha muller nacida e mediados do século pasado, tamén Paulo, a súa parella, contribuirá decisivamente nisto que podemos chamar quizais algo así como corrente de conciencia do tempo, dun tempo especialmente convulso como foi a etapa final do franquismo. De xeito que resulta unha novela atenta ao acontecer social, o acontecer político e o acontecer cultural dunha Galiza que, despois da tremenda represión que significou o golpe de estado franquista, comezaba a recompoñer a resistencia política na loita pola liberdade e a democracia. Son moitas a referencias culturais que percorren o discurso, especialmente na segunda metade, cando Mariña xa é adulta. Novoneyra é quizá o autor con meirande presenza, sen desatender outros feitos, como a chegada a Compostela daquel novo profesor chamado Beiras e que tanto impacto social e cultural produciu. Mais tamén Carlos Casares, Manuel María, García Sabell ou Castelao están presentes. Achegándonos ademais a figura dun Manuel Puente que foi un empresario e activista político e cultural galeguista na Arxentina, e cuxa pouco coñecida figura se reivindica nas páxinas desta novela.

Se no plano do contido é un discurso atento ao acontecer político, social e cultural na etapa final do franquismo, aínda que algún lector bote de menos un meirande detemento nos acontecementos clave da trama, no plano da expresión tamén é unha novela mi salientábel. Preséntase como un fluxo contínuo no cal os puntos ( seguido e a parte) non teñen cabida, pois as cousas vanse enguedellando unhas noutras e os diálogos no corpo da narración. De xeito que se trata dunha estratexia narrativa ousada, atrevida, pouco frecuente, que deixa á autora moi ben parada. Non esquezamos que é unha autora que se estrea con esta novela, e nestes casos o autor ou autora moitas veces queren demostrar a súa valía narrativa. Moncha Fuentes demóstraa sen ningún tipo de obxeccción. Certo é que esa esixencia formal de non usar puntos non se mantén en toda a novela, que, segundo se van pasando as follas e adentrándonos nela, estes rematarán por aparecer, porén a súa presenza para nada contradí esa concepción da novela como un mar onde todo o que aboia pertence á mesma e única masa continente. Porque son poucos os que van aparecer, e conservando a aposta polos períodos sintácticos longos e prolixos, complexos.

De xeito que resulta unha novela difícil de esquecer, tanto polo que conta por como o conta. Sen dúbida. Moncha Fuentes preocupouse por que esta novela non fora unha novela máis, dotándoa dunha expresión esixente e moi traballada e dun contido relevante, significativo.  O cal nos fai agardar novos traballos desta autora con moita ansiedade.

Xosé Manuel Eyré

Deixa un comentario!