Menu Xerais

Unha novela que se propón como conquista para lectores e lectoras expertos de oito anos en diante: «A nena, o monstro e o mar», de Teresa González Costa. Anotación de Manuel Bragado

O editor Manuel Bragado publicou no seu blog Brétemas unha anotación sobre o libro: A nena, o monstro e o mar, de Teresa González Costa, con ilustracións de Martín Romero. O libro está publicado por Xerais na colección Sopa de Libros.

 

 A nena, o monstro e o mar, de Teresa González Costa

 

Entre as novidades do verán non me pasou desapercibida A nena, o monstro e o marde Teresa González Costa, a segunda historia relatada por Leopolda Diéguez. Como a primeira desta serie, Fred Quincalla, o nómade do mar, esta novela infantil ofrece a voz singular desta contadora xenial, viaxeira e facedora de artes máxicas, acompañada de Gran Gogol, o seu paciente compañeiro, que esta vez escoita o que lle sucedeu á nena que quería chegar ao mar. Unha aventura, non exenta de perigos, xa que o monstro construíu un muro coa intención de que a auga salgada nunca volvese a aquela cidade, que obriga á protagonista a facer un itinerario procurando respostas para cada unha das súas preguntas (unha atinada imaxe da construción do coñecemento). Un recurso da narración de tradición oral que a escritora do Grove actualiza afondando na compoñente fantástica e máxica e introducindo o relato alegórico (eis ese conto dentro do conto, a historia de Amair Tala, toda unha homenaxe a nubeiros e tronantes).

Teresa González Costa sempre sorprende, tanto no desenvolvemento dos seus argumentos, inzados de imaxinación e de reviravoltas para os seus numerosos personaxes ,que aparecen e desaparecen da escena, como na construción complexa das novelas como na creación de ambientes cun puntiño onírico, poético e culturalmente refinado (aquí dálle o protagonismo á música de jazz). Elementos que proporcionan a todas as súas obras, tanto as novelas como as pezas dramáticas, un recendo cosmopolita cargado  de memoria familiar. Xaora, aquí o mar volve a constituírse en protagonista dunha novela que fala da identidade, da memoria, máis tamén da indiferencia, do egoísmo capitalista e da irresponsabilidade colectiva de estragar o que constitúe un patrimonio da humanidade.

A nena, o monstro e o mar é un libro que se propón como conquista para lectores e lectoras expertos de oito anos en diante, amosando que a nosa literatura infantil non renuncia a outorgarlle protagonismo a estes libros iceberg. Parabéns a Teresa por ofrecer outra novela tan singular e probablemente contra corrente, capaz de sacar aos seus personaxes da Torre dos Aristocráticos e Espantosos Castigos e lonxe de calquera intención didactista suscitar ao lectorado tantas preguntas como flores nacerán na area da beiramar. Brava, Teresa!

Manuel Bragado

Deixa un comentario!