Menu Xerais

Unha obra brillante, a mellor do que levamos de ano literario: «Infamia», de Ledicia Costas. Crítica no blog Palabra de Gatsby

O blog Palabra de Gatsby publicou unha recensión de David González Domínguez sobre o libro: Infamia, de Ledicia Costas, publicado por Xerais na colección Narrativa.

 

‘Recensión: Ledicia Costas, «Infamia»


Ledicia Costas é sen dúbida unha das autoras de máis éxito no noso sistema literario e no panorama literario nacional. Venerada polo público infantil e xuvenil polas súas historias, o público adulto agardaba o seu debut como narradora para adultos con impaciencia. Por fin temos entre as nosas mans Infamia, unha obra que se a tivese que describir cunha palabra sería esta: brutal.

Infamia é quizá unha das obras máis voluntariamente incómodas que lin en moito tempo. A atmosfera que Ledicia Costas crea é completamente gris e asfixiante. Existen puntos luminosos en forma de seres humanos pero tan contaminados polas súas historias previas que non teñen a suficiente forza como para transcender. A calidade narrativa da autora atrapa ós lectores, pese a súa resistencia, nese Merlo, un lugar tan triste e escuro como desgraciado.
Durante a súa lectura dinme conta que a novela non pretende ser unha historia cun final feliz ou infeliz. Coido que tampouco pretende limitarse a ser unha ficción. Infamia é unha historia que analiza a sociedade coa precisión de un cirurxián e sinala a escuridade que a humanidade agocha. Escuridade que se integra dende a propia infancia cando esta non foi o suficientemente feliz ou normal. A destrución da infancia é o primeira base que leva a infamia nesta novela.

Emma Cruz é a voz principal desta historia e a miña sensación ó comezo é que era o único puro que existiría en Merlo. Muller que cometeu e comete erros, mais que era unha voz do cambio. Unha persoa formada e liberal que pretende coñecer a cidade de Merlo e os seus habitantes para solucionar un caso que podería dar algo de luz a esa cidade. Que equivocado estaba. Emma Cruz é unha personaxe ferida de comezo a fin e que pese a súa bondade e os seus esforzos, non deixa de ser un personaxe tan destruído pola sociedade coma outros. Ela non pode ser artífice do cambio na cidade, pero a cidade xera un cambio na súa persoa.

En resumo, Infamia é unha desas obras que tras a súa lectura fan reflexionar moitísimo. Unha historia que non se vai da cabeza aínda que peches o libro. Sen dúbida unha obra brillante e, na miña opinión, a mellor do que levamos de ano literario.

David González Domínguez

Deixa un comentario!