Menu Xerais

Unha proposta lectora imprescindible: «Un conto siciliano e outras historias», de Estro Montaña. Crítica de Xosé Manuel Eyré

O crítico Xosé Manuel Eyré publicou no seu blog Ferradura en tránsito unha recensión sobre o libro: Un conto siciliano e outras historias, de Estro Montaña. O libro está publicado por Xerais na colección Narrativa.

 

Crítica de «Un conto siciliano e outras historias» (Estro Montaña, Xerais)

 

Pasan cousas así. Un escritor de novela policial que quere facer pasar as súas novelas, claramente policiais, por novelas negras, e mesmo obtén distincións. Puidera parecer que o xénero negro prestixia, acelera as vendas pois funciona como reclamo fronte ao lectorado. Mais, nada é así, cremos, só puro marketing promocional. E, noutros casos, como este que imos comentar hoxe, sucede á inversa. Porque neste título de Estro Montaña lemos algúns dos relatos máis negros desde hai ben tempo, porén nin a presentación editorial nin nas informacións que lemos sobre a obra e o autor se reivindica a negritude destes relatos. Algúns claramente negros, como o que abre o volume e dá título ao libro, claramente negro, pois é dentro do ambiente da mafia siciliana que se desenvolve a trama do relato. E outros que poderían chegar a ser relatos negros, mais que rematan antes de se conveter en relatos negros, deixando esa “conversión” para que o lector a imaxine como consecuencia lóxica do devir da trama; tal sucede nalgúns dos relatos, sobre todo cara ao remate do volume.

Mais, antes de continuar e poñérmonos a escribir do libro, permítansenos unhas palabras sobre o autor, que non é un dos nomes mediáticos da literatura galega, do que non liamos nada no eido da ficción desde As armas delicadas (Xerais, 1997) mais do que nos quedou unha moi agradáben lembranza, e ao que consideramos un nome de referencia en canto á calidade dos seus textos, que neste novo contributo volve refendar. Unha sorte, pois, termos diante un novo título de Estro Montaña.

Un conto siciliano e outras historias é un volume que contén catorce relatos, algúns claramente negros, como o primeiro e que dá título ao libro, xa o dixemos, cuxa trama se insire dentro dos lindes da mafia siciliana. E o mesmo se pode dicir do segundo, aínda que troca de escenario radicalmente e a trama transcorre na Galiza, aquí o papel da mafaia siciliana pasa a ser detentado polo caciquismo, o caiquismo de D. Bieito, cuxos caprichos cómpre non contradicir mais que é home que trae riqueza a prosperidade e por iso todo o mundo mira para outro lado cando se trata de falr del. En ambientes parecidos a estes desenvólvense tamén so seguintes relatos, “A reunión” e “Maratón e Paxariñas”, relato onde reaparece o tema do contrabando. Son mundos típicos da temática negra, mais Estro Montaña non fica aí. O seguinte relato, un relato breve, céntrase no eido do crime sorpresivo, suxerindo sempre estarmos dentro das coordenadas do xénero negro. Xénero ao que voltamos no seguinte relato, “Xogo sucio” tráenos o xénero negro dentro da medicina e do deporte; aínda que sexa deporte non profesional, a corrupción non fai distingos á hora de se manifestar.

Cómpre dicir, antes de continuar, que unha constante neste volume é a habilidade do autor ao escoller o punto de vista narrativo, e o feito de que sabe coidar coma ninguén que o lector teña garantido o remate inesperado, climático, sorpresivo, que convida a que pensemos e repensemos no lido, en como foi a historia lida e en como podería continuar. Por demais, gusta moito do chamado “final aberto”.

Hai tamén relatos que apuntan ao xénero negro, relatos que deixan ao lector a capacidade para inserilos ou non e que se internan por temas diversos mais nos que se pode manifestar o xénero, que xa dixemos non fai distingos. Velaí pois o achegamento temático do eido inmobiliario ou o da atención aos maiores. Ou o contrabando na fronteira entre a Galiza e Portugal. E mesmo regresa a Italia no “Fragmento das memorias de Paolo Maresi”, un relato no que o estilo de vida é o propio do xénero negro.

Nin lle cómpre ao autor moito espazo para crearnos inquedanza, como no relato “ O bipolar de Coia”, onde lle abondan dúas páxinas para contarnos unha historia en que se funden a xenerosidade e o crime. A seguir preséntase, e non será a única vez, o mundo  do ensino, que reaparecerá no derradeiro relato, onde, cun chisco de ironía final, se conta unha historia de como intereses extralectivos poden rematar impoñéndose aos estritamente lectivos; máis outro tipo de corrupción. No derradeiro relato, e tamén no anterior, onde se expón o difícl que resulta para un profesor saírse da monotonía átona do ensino concebido como outra actividade laboral máis. Porén quédanos aínda un relato “Deixádeos vivir”, o que mellor exemplica iso que dicimaos dos relatos case negros, pois propón unha trama que non é en si negra mais presupón a existencia de actividades vinculadas ao mundo temático do negro, detrás das súplicas desa nai porque deixen vivir á súa filla e o seu namorado.

En definitiva, eis unha proposta lectora máis que interesante, onde Estro Montaña exhibe todos os seus dotes de gran narrador aínda nestas ditancias curtas.

Imprescindíbel.

Xosé Manuel Eyré

Deixa un comentario!