Menu Xerais

Unha proposta necesaria e reivindicativa que contribúe a recuperar a voz dunha gran muller: «Poesía reunida (1982-2004)», de Xela Arias. Crítica en Lecturafilia

O blog Lecturafilia publicou unha recensión de Tensi Gesteira sobre o libro Poesía reunida (1982-2004), de Xela Arias, publicado por Xerais na colección Xerais Clásicos.

Poesía reunida (1982-2004), de Xela Arias (Xerais)

 

A Xela Arias sorprendeuna a morte no ano 2003 cando viña de dar ao prelo o seu derradeiro poemario, Intempériome. Aos seus 41 anos deixábanos orfos de letras e co desexo frustrado dunha carreira literaria que, de non ter falecido, daría moitísimo que falar. Malia o curto da súa traxectoria vital e profesional, a escritora e tradutora, deixounos catro poemarios: Denuncia do equilibrio (1986), Tigres coma cabalos (1990), Darío a diario (1996) e Intempériome (2003), ademais dun monte de colaboracións en volumes do Festival de Poesía do Condado, IntifadaOfrenda dos poetas galegos a Palestina, e Alma de beiramar. En todos les, a autora sarriá demostrou un férreo compromiso cos problemas do seu tempo, e expresou as súas inquedanzas a través dos versos.

A pesar da pouca cantidade, os seus poemarios gozaron dunha enorme acollida entre o público e a crítica, pero hoxe en día moitas das edicións atópanse descatalogadas ou inaccesibles, motivo polo cal a editorial Xerais, coa iniciativa de María Xesús Nogueira Pereira, recompilou a súa poesía desde 1982 ata o 2004. O volume, titulado Xela Arias. Poesía reunida (1982-2004) pretende contribuír á difusión e o coñecemento da poesía desta autora, ao tempo que se fai reivindicación da rúa figura como unha voz imprescindible no marco da poesía galega contemporánea.

Confeso que é todo un luxo dispoñer de toda a poesía de Xela Arias reunida, pois o certo era que xa había ben tempo que andaba buscando algo seu para ler. Picando un pouco nos versos dela, e a modo de experiencia persoal, encantoume coñecer Darío a diario, un poemario con referencias explícitas ao feito de ser nai, e no que se expresan as contradicións propias dunha muller feminista cando é nai. Escrito como un desexo do que debería ser a maternidade, ela di:

Nada que vez coa posesión.

Non te posúo nin quero.

Cóidote, ámote e manteño a esperanza

De aprenderche a te posuíres”.

Ou cando se describe ela mesma:

Non me gustaban de nena os peluches

E lembran meus pais que non xoguei moito ás bonecas.

Non me deteño a cociñar e na químicas das quimeras

Rocei un xeito de delincuencia xuvenil.

Un xénero feminino algo a desmán das narracións para o

[ano en que nacín”.

Como vedes, unha visión desidealizada ao tempo que entrañable da experiencia de ser nai. Interesante me pareceu tamén Tigres coma cabalos, unha proposta moi novidosa na que se establece un diálogo entre fotografía e poesía. A proposta, fortemente arriscada, fraguouse mediante a colaboración con Xulio Gil, fotógrafo co que mantivo unha relación sentimental entre 1988 e 2002. Os corpos nus dos protagonistas busca fomentar unha conversa cos textos poéticos que o acompañan, para crear así unha reflexión sobre a totalidade artística. Un proxecto que recibiu críticas negativas centradas só nos corpos fotografados.

Un libro este de grande interese para a poesía galega, que seguro agradecerán todas as persoas que gustaban dos versos de Xela Arias. Unha proposta tan necesaria como reivindicativa que contribúe a recuperar todo o que a voz desta gran muller deu de si para xuntalo nun só volume.

Tensi Gesteira

Deixa un comentario!