Menu Xerais

Unha reflexión con valentía crítica sobre o Rexurdimento no seo da historiografía da literatura galega: «Rexurdimento: a palabra e a idea», de Anxo Angueira. Anotación de Joaquim Ventura

Joaquim Ventura publicou nos xornais El Correo Gallego e Galicia Hoxe unha anotación sobre o libro: Rexurdimento: a palabra e a idea, de Anxo Angueira.

 

Houbo rexurdimento?

No meu exercicio como estudoso da literatura galega, sempre manifestei a miña impresión sobre a preguiza habitual dos máis dos críticos á hora de abordar a súa historia e os seus contidos. Dito doutro xeito, se un crítico calquera pensa que antes ca min catorce dixeron que o autor X é tal cousa, non vou ser eu quen diga o contrario. E isto serve –falo por experiencia- á hora de analizar a figura da Balteira ou as novelas de Otero Pedrayo.

 

E nese senso, un asunto que nas últimas décadas quedou fixado sen apenas revisión foi o do Rexurdimento, é dicir o período encetado coa publicación en 1863 de Cantares gallegos, de Rosalía de Castro (un feito excepcional do que aínda vivimos) e que chegaría ata finais do século XIX. Unha categorización que deixaría nunha especie de terra de ninguén as anteriores manifestacións literarias anteriores e a Idade Media que, de maneira automática, quedarían incluídas na categoría de Séculos escuros.

Con valentía crítica, Anxo Angueira, con Rexurdimento: a palabra e a idea (Xerais) reflexiona sobre este período no seo da historiografía da literatura galega. Sitúa este período en relación a movementos homónimos coetáneos, como foron o Risorgimento e a Renaixença, e as diferentes condicións que se deran nun caso ou noutro.

No caso italiano, salientaba o seu punto emerxente na resposta á ocupación napoleónica e a súa substitución pola austríaca despois, que axudou ao proxecto unificador dos Savoia, que fixo do toscano a lingua nacional como italiano; no caso catalán, a recuperación cultural chegou da man do crecemento da burguesía (neste caso, Angueira esquece que a cultura popular e obreira -que medraba nas cidades co desenrolo industrial- era unha base fundamental para a supervivencia e despegue da lingua catalá: velaí os coros impulsados por J. A. Clavé desde 1850).  En troques, e como antítese ao caso italiano, Angueira non reflexiona porque en Alemaña –que con Prusia avanzou cara á unificación nacional- non houbo necesidade dunha vindicación “renacentista”, por exemplo a partir de Goethe.

Un esquema que, no caso galego, non foi sistematizado –de acordo co modelo proposto por Michelet e Burckhardt- ata 1980. Angueira resegue con moito detalle bibliográfico (que ás veces pode superar ao lector) a evolución que houbo en Galicia para designar o período literario do século XIX, que non foi considerado ata o século seguinte –unha vez coñecida a lírica medieval- polos homes que impulsaron as Irmandades da Fala e que, coetaneamente, se autoconsideraron protagonistas dun segundo Rexurdimento.

Angueira discrepa da periodización establecida, especialmente a partir dos primeiros programas docentes relativos á literatura galega, tanto no ámbito universitario (con Carballo Calero) como no ensino regrado inicial e medio a partir da conquista da autonomía política. Unha periodización -a de considerar uns Séculos escuros e un Rexurdimento- que define como comodidade por necesidade pedagóxica pero escasamente científica.

En contra desa división estanca, Angueira reivindica a importancia de frai Martín Sarmiento como primeiro pensador a prol da restauración do valor da lingua galega e da literatura escrita nela, co cal o punto auroral desa restauración cabería situalo coa Ilustración. Do mesmo xeito, que o pulo que colleron as letras galegas no século XIX non era de base romántica senón realista. E, en consecuencia, que non cabe falar dun período estrito de decadencia e si, en troques, dun continuum desde a Idade Media ata hoxe, con momentos cumio e momentos val, quer por motivos internos, quer por motivos externos (a ditadura franquista, por exemplo).

Desde o momento en que estudei literatura galega na licenciatura, tiven claro que non existía esa división ríxida entre Séculos escuros e Rexurdimento, e así llo manifestei a Xosé Ramón Pena cando me pediu que colaborase con el na redacción da súa Historia da literatura galega, cuxo volume correspondente (o primeiro) apareceu en 2013. Cumpría establecer un corte por motivos organizativos editoriais pero non por razóns metodolóxicas e de criterio.

Pero, na miña opinión, Angueira segue sen abordar algúns aspectos que nunca foron tidos en conta pola crítica galega. Por exemplo, que as (poucas) manifestacións literarias en galego entre os séculos XVI e XVIII, foron en paralelo a ausencia en Galicia dunha produción literaria salientable en lingua castelá. Circunstancia poderíamos vincular ao papel da imprenta (que precisaba tiradas mínimas suficientes), aos baixos niveis de alfabetización e ao pouco volume das clases cultas. Tampouco considera a literatura en castelán feita en Galicia na primeira metade do século XIX e a súa vinculación á vindicación rexional (como daquela se consideraba), ao Romanticismo e ás políticas liberais emerxentes.

E, finalmente (e isto podemos facelo extensible a toda a literatura galega anterior á guerra civil), cal foi o auténtico impacto que tivo no conxunto da sociedade galega do período: produción editorial, tiraxe de revistas (como A Nosa Terra e Nós), etc. Seguir a considerar que a literatura galega (é dicir, a escrita en lingua galega) foi a única literatura feita en Galicia, é confundir a realidade histórica.

Deixa un comentario!