Menu Xerais

Arquivo mensual: Setembro 2020

Novidade: «Lara e Sabela», de Ignacio Vidal Portabales. Un libro que indaga na temática do amor feminino con humor, delicadeza e fortuna

Lara e Sabela, de Ignacio Vidal Portabales, é unha novidade da colección Narrativa de Xerais. O libro gañou o XXVI Premio Manuel Lueiro Rey de Novela Curta. Sabela, propietaria dunha galería de arte, desfruta facendo de modelo para Lara, unha das súas artistas. Namorada dela, sabe que as circunstancias da fermosa pintora, viúva recente, non facilitan as súas actividades sedutoras.

Novidade: «O Reino medieval de Galicia», de Xosé Miguel Andrade e Anselmo López Carreira. Un libro que da conta do agocho e a desmemoria do vello Reino medieval de Galicia

O Reino medieval de Galicia. Crónica dunha desmemoria, de Xosé Miguel Andrade Cernadas e Anselmo López Carreira, é unha novidade da colección Contamos a nosa historia de Xerais. Presentado como preocupación dalgúns historiadores galegos, ou como cuestion escura e marxinal propia de especialistas, o certo é que o vello Reino medieval de Galicia tivo unha entidade histórica real entre o século V e os comezos do século XIII.

Dar a volta ao mundo grazas á cociña: «A viaxe culinaria de Kukinhas», de Elisa Kukinhas. Crítica en Trafegando Ronseis

O blog Trafegando Ronseis publicou unha anotación sobre o libro: A viaxe culinaria de Kukinhas, de Elisa Kukinhas, con ilustracións de Marcos Calo, publicado por Xerais na colección Gastronomía.

Novidade: «Despoxos e vísceras ilustres», de María Xosé Queizán. A historia de tres personaxes universais a través do misterio e a truculencia de ilustres vísceras

Despoxos e vísceras ilustres, de María Xosé Queizán, é unha novidade da colección Ensaio de Xerais. O corazón de Percy B. Shelley, poeta romántico inglés, é un dos protagonistas deste libro.

Novidade: «Todas as vidas», de Xosé Ramón Pena. Os relatos dun monllo de vidas que abanean entre o marabilloso e o absurdo

Todas as vidas, de Xosé Ramón Pena, é unha novidade da colección Narrativa de Xerais. Todas as vidas recrea relatos de soñadores, perdedores, persoas frustradas ou de aspirantes á revolución. Son un monllo de vidas que abanean entre o marabilloso e o absurdo, vidas intensas que petan con forza á nosa beira.

Unha boa achega para o mundo do cómic na nosa lingua: «A media hora dos heroes» e «Campións do mundo», de El Hematocrítico. Crítica en Trafegando Ronseis

O blog Trafegando Ronseis publicou unha anotación sobre os libros: A media hora dos heroes, e Campións do mundo, de El Hematocrítico, publicados por Xerais.   A media hora dos heroes, e Campións do mundo, de El Hematocrítico   Como cada publicación de El Hematocrítico, un acerto.

O xornal «Nós Diario» publica unha reportaxe sobre as novidades das editoriais galegas para o outono, con mención a varios títulos de Xerais

O xornal Nós Diario publicou unha reportaxe sobre as novidades das editoriais galegas para o outono, con mención a varios títulos publicados por Xerais.   Setembro inaugura un outono editorial anómalo, mais ateigado de novidades As principais editoriais galegas xa deixan ver as súas achegas de cara a este outono marcado polo contexto extraordinario, con moita presenza do ensaio e das novidades para a cativada.

Novidade: «Plan de rescate», de Antía Yáñez. Unha aventura na que hai escopetas, sangue, xuramentos e mesmo algo de amor

Plan de rescate, de Antía Yáñez, con ilustracións de Xiana Teimoy, é unha novidade da colección Merlín de Xerais. O libro gañou o Premio Agustín Fernández Paz pola Igualdade 2019. Xeila, Heitor, Aldán e Noela están traballando na aula de apoio da súa escola cando algo raro acontece. Oen un estrondo e a profe Xoana, que vai comprobar que pasou, desaparece.

Novidade: «Súbditos ou cidadáns?», de Henrique Del Bosque Zapata. Un libro que aborda a crise actual proporcionando ferramentas para entender o presente e para pensar alternativas

Súbditos ou cidadáns?, de Henrique Del Bosque Zapata, é unha novidade da colección Crónica de Xerais. Nocións como comunidade, liberdade, dereitos, cidadanía, pobo ou estado semellan ecos do pasado e sucumben ao imperio do control cibernético e á acumulación de poder do capital financeiro. Quen ten os datos ten o poder.

Novidade: «Benvido ao Outro Barrio. Os Minimortos», de Ledicia Costas. Unha cuadrilla de nenos de ultratumba tentarán axudar ao cativo Catacrak a regresar ao mundo dos vivos

Benvido ao Outro Barrio. Os Minimortos, de Ledicia Costas, con ilustracións de Mar Villar, é unha novidade da colección Os Minimortos de Xerais. Os Minimortos son unha cuadrilla de nenos moi diferentes a ti: son nenos de ultratumba. Agardan polos seus pais no Outro Barrio, un lugar de paso onde teñen liberdade para facer o que lles pete. Todo cambia o día que chega Catacrak, un cativo que quere regresar ao mundo dos vivos.

Novidade: «A memoria dos paxaros», de Teresa González Costa. Unha vila na que empezan a acontecer fenómenos estraños que poden acabar en traxedia

A memoria dos paxaros, de Teresa González Costa, é unha novidade da colección Fóra de Xogo de Xerais. A aparición dun mozo inconsciente nunha reserva de aves a noite do Samaín coincide cunha serie de fenómenos estraños que se empezan a dar na vila. Os despoxos de paxaro aparecen polos camiños, escóitanse chíos arrepiantes e hai cortes de luz inexplicables.

Un itinerario pola vida de Manuel Antonio e a contorna que inspirou ao poeta: «Manuel Antonio. Unha vida en rebeldía», de Xosé Luís Axeitos. Anotación na revista «Galicia 21»

A revista Galicia 21. Journal of Contemporany Galician Studies publicou unha crítica asinada por Arancha Rodríguez Fernández sobre o libro: Manuel Antonio. Unha vida en rebeldía, de Xosé Luís Axeitos, publicado por Xerais na colección: Biografía. O libro gañou o Premio Losada Diéguez. Investigación 2018 O artigo pode lerse ou descargarse en formato PDF nesta ligazón.