Menu Xerais

Os teatros do soño. Crítica de Xosé Manuel Eyré sobre o «VI Premio Diario cultural de Teatro Radiofónico»

Xosé Manuel Eyré publicou en Galicia confidencial unha recensión crítica sobreo VI Premio Diario cultural de Teatro Radiofónico.

 

Os teatros do soño

Esta semana Xosé Manuel Eyré fai un repaso sobre as pezas gañadores e finalistas do VI Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico.

Son moitas as veces que temos sinalado a posíbel influencia que este teatro radiofónico do Diario Cultural, unha das citas imprecindíbeis de cada ano, pode ter  no conxunto da dramaturxia galega. Será asunto de valorar con máis tempo e vagar; porén, unha cousa está clara, que os profesionais do auduisual se senten atraídos por esta fórmula de teatro comprimido. Se temos en conta que que os  tres primeiros títulos, dos catro títulos que hoxe veremos, están asinados por xente vencellada ao audiovisual, e que a propia Eva Ferreira, recunca…podemos ter unha imaxe do que estamos a dicir.
Alén diso, esta edición sexta dos premios de teatro radiofónico do Diario Cutural, achega novidades a respecto das anteriores. Así, polo menos e aínda que as fórmulas ensaiadas nas pezas, gañadoras ou finalistas, anteriores adoitan ter algún tipo de veciñanza co teatro do absurdo, nesta ocación o Poema sinestésico para tres voces e un can, xa desde o mesmo título avisa querer adscribirse a un tipo de teatro pouco habitual, fronteirizo, parido baixo unha forte influencia da poesía. Como así  é, na peza de Eva F. Ferreira a poesía dos días, a poesía que podemos achar nos días de diario, perde os gonzos, ponse a clareo e pendura nas voces que a carnalizan ou sobre o negro das letras para que nós a poidamos escoitar/ler. Escoitar/ ler, evidentemente, e como o texto vén acompañado de soporte auditivo, recoméndase vivamente lectura e audición á vez, polo menos na primeira ocasión; velaquí que, estes dos premios do Diario Cultural son dos máis atraentes audiolibros que teñan caído nas nosas mans. E así que Eva Ferreira constrúe unha peza teatral, de menos de 12 minutos de duración, dunha intensidade poética notábel , como dixemos, moi vencellada ao teatro do absurdo, que sempre este tipo de teatro camiñou cerca da poesía. Foi o premio do xurado
Nin que dicir ten: resulta especialmente emocionante ver como esta fórmula teatral, tan particular, se diversifica e é quen de se apropair dos diferentes xéneros teatrais. A pericia chega a ser tanta que, na Intercom-baby, Marián Bañobre e Santiago Cortegoso son quen, en equivalente fragmento temporal, de construír un texto que viaxa desde o que no inicio ten moitos tintes de comedia a algo que remata nunha absoluta traxedia. Evidentemente cómpre salientar a densidade e habilidade sonora das voces que soportan esta historia que, particulamente neste caso, son especialmente suxestivas e conducen ao lector-escoitador por un abano de soños ou posíbeis desviacións da acción que redundan nun particular incremento da sorpresa final, sorpresa final do lector-escoitador que vén xunguida á daquela parella que escoita polo intercomunicador o sono do seu bebé… Foi premiada pola audiencia
Pola súa banda, as dúa pezas restantes, finalistas, son fragmentos da realidade teatralizados en fórmula auditiva, por así dicilo. Zé Paredes, en Quendas, introduce nun auto varias personaxes, portadoras de configuarcións diferentes e unidas polo feito de compartiren transporte para ir traballar. Varias personaxes que a vida forza a se xuntaren, a compatir reducido espazo estas persoas a viviren o mesmo espazo ao mesmo tempo e tendo cada unha prioridades vitais que non teñen porque ser coincidentes coas dos demais e si polémicas. Outro exemplo de como estes textos breves, non por ser breves deixan de presentar preocupación que os vincule ao acontecer social senón que poden estar ben atentos a ela porque ese mesmo contexto do acontecer social contribúe lles conferir densidade dramática ás personaxes e ao texto.
E, finalmente, Ironías, de Carlos Losada Guliñáns, explora e reclama a participación do lector-oínte, requeríndolle intervención á hora de descifrar as ironías que a acción dramática ( moi próxima da sit-com.) presenta, e quem malia non seren estas complexas de detectar, terán unha intensidade directamente proporcional á capacidade do lector-escoitante para dimensionalas.
Para o crítico queda, agora, o labor de establecer se  estas pezas do Diario Cultural se poden considerar microteatro e se insiren na Literatura Hiperbreve ou Mínima. Trátase dunha fórmula de teatro comprimido, induvidábel, si, mais non cumpren os requisitos espaciais da Literatura Hiperbeve ou Mínima, sobardan amplamente a páxina ou páxina e media, mais outra cousa é moi certa: este é teatro (sonoramente) foi representado mentres os exemplos que podemos ter de microteatro ou teatro da Literatura Mínima ou Hiperbreve non pasan de teatro para ler. Esa diferenza pode resultar decisiva, por máis que, ese exemplos a que nos referimos, tampouco adoitan pasar de diálogos ( que á súa vez poden ser da narrativa e non da dramaturxia) ou de propostas para levar á escena.
É teatro que non se ve. Son os teatros dos soños.

 

 

Comentarios pechados