Menu Xerais

Caer na arañeira de «Os fillos do mar», de Pedro Feijoo. Artigo de Ramón Rozas

Ramón Rozas publicou no El Progreso un artigo sobre Os fillos do mar de Pedro Feijoo.

Os fillos de Pedro Feijoo

Adoitase dicir que cada libro é un fillo para o seu escritor. Non dubido de que así sexa, pero do que estou ben seguro é de que Mariña e Simón Varela xa serán para sempre os fillos de Pedro Feijoo. A súa primera novela, ‘Os fillos do mar’ (Xerais), converteuse dende a súa publicación no feito máis relevante da nosa literatura nos últimos tempos, a partires dalgo tan complexo de ver nas nosas letras como poder catalogar un libro como un éxito de ventas.

As pouco máis de catrocentas páxinas que conforman esta novela –finalista dos premios Xerais– son como unha arañeira na que de caer, na que de percorrer só unhas poucas liñas, un xa se atopa perdido. Apegado ata o final a un relato cheo de fíos polos que ir debullando unha historia chea de leas na que conflúen xeitos de narrar moi vencellados aos grandes éxitos da novela de aventuras, pero ensarillados nunhas claves históricas e de recuperación da nosa memoria. Nesa conxunción, así como no seu perfecto equilibrio, é no que se suxeita o entramado que artella Pedro Feijoo nesta novela arrebatadora dende o inicio ata o remate.

Simón Varela é un arquitecto vigués sen moita sona, un nome máis, gravado nunha desas pracas de tantas que hai pasando desapercibidas nas entradas dos portais. Pero un día a sua vida vai cambiar, como nunha película de cine negro, cando unha chamada ao detective mudáo todo e pon a funcionar o argumento do filme.

Vai ser entón cando o que semella unha sinxela obra nun xardín dunha vivenda de Canido vai abrir a porta a todo un relato que xoga coa aventura, a intriga ou o amor como anzol para, unha vez ben suxeitos, remexernos nunha historia acubillada na memoria e en diferentes capítulos da nosa historia.

TORMENTA. Dende os tempos da batalla de Rande ata a Guerra Civil, coa emigración ou o nazismo como ingredientes desa tormenta perfecta desprégase unha acción que, ademais dos personaxes, ten outro elemento sobranceiro, que acada a consideración de personaxe, a paisaxe. Tanto a paisaxe urbana dun Vigo rastrexado como en poucas novelas, como a paisaxe mariña que amosan as nosas rías coa ría de Vigo e a illa de Ons como escenarios, ademais de funcionar como un elemento identificador do lector coa trama.

A partires de dúas moediñas que se agochaban nunha caixiña de madeira, Simón verase inmerso nalgo que nunca creu que lle podía ocorrer. Mariña tamén irá perdendo a inocencia con esta aventura, con esta lea na que a súa propia familia é quen de metela como derradeiro chanzo dun misterio que xa non pode permanecer agochado por máis tempo. Fronte a eles atopamos o mal, encarnado nunha serie de presenzas vencelladas ao nazismo ou ao narcotráfico, roles que están no outro lado da balanza das condutas humanas e contra os que os nosos protagonistas deberán loitar ata o derradeiro instante da novela.

Mariña e Simón Varela, como tantos e tantos na nosa terra, son fillos do noso mar. Ese que temos tan preto e que ademais de servir de lugar de ocio tamén é alento inspirador para a creación. Pedro Feijoo non necesitou ir moito máis lonxe para enmarcar o seu relato, sen excesivas pretensións. Sabedor de que ao noso arredor temos un relatorio suficiente para artellar unha boa historia. A historia dos ‘fillos de  Pedro Feijoo’.

Ramón Rozas

Deixa un comentario!