Menu Xerais

«A antesala luminosa», de Antonio Tizón: novela con pousos de saúde mental. Recomendada na páxina de FEAFES Galicia

A web de FEAFES Galicia recomenda a lectura de A antesala luminosa, de Antonio Tizón.

 

 

«A antesala luminosa», novela con pousos de saúde mental

O inspector Sánchez investiga a identidade de dous cadáveres calcinados que aparecen nas inmediacións da praia coruñesa do Matadoiro en plena madrugada de San Xoán do ano 2000. Axiña descobre que un deles pode ser Gustavo Gallego, un curmán do comisario, a quen se lle encomenda a misión de atopar o seu familiar desaparecido. Cando comproba que está vivo, inicia a súa busca por distintas cidades envolvéndonos nunha novela que mestura intriga, corrupción e punidade con amor, convivencia e loucura.

Este é o argumento de “A antesala luminosa”, unha novela editada por Xerais que dende este mes se atopa á venda nas librarías galegas. O seu autor, Antonio Tizón, naceu o 2 de xullo de 1960 en Aranga (A Coruña), é licenciado en Ciencias da Información pola Universidade Complutense de Madrid e traballou como xornalista e profesor.

A súa dedicación á escritura comezou cando lle foi concedida unha incapacidade absoluta a causa dun trastorno bipolar que padece, o cal permitiulle consagrar máis tempo á pluma e publicar esta novela que aborda a enfermidade mental como un dos temas fundamentais do libro.

A primeira presentación da obra terá lugar o mércores 4 de febreiro ás 20:00 no local de Portas Ártabras (Rúa Sinagoga 22), na cidade vella da Coruña. Ademais do autor, Antonio Tizón, e do editor, Manuel Bragado, nesta presentación intervirá Rosalía Cotelo, filóloga, que dará a visión máis literaria do libro; Cándido Barral, xornalista, que falará do marco histórico no que se desenvolve a trama; e Juan Carlos Díaz del Valle, psiquiatra, que analizará o tratamento que se fai na novela sobre a enfermidade mental, especialmente sobre o trastorno bipolar.

Está previsto que tras este primeiro acto na Coruña, o libro sexa presentado noutras cidades galegas, podendo ser Santiago de Compostela a seguinte. Para máis información sobre “A antesala luminosa”, podes consultar a súa ficha completa aquí.

Deixa un comentario!