Menu Xerais

A antoloxía que publica en inglés a literatura galega máis actual: «Anthology of Galician Literature 1981-2011», de Jonathan Dunne

Xesús Fraga publica en La Voz de Galicia  unha reportaxe sobre o libro Antoloxía da literatura galega 1981-2011Anthology of Galician Literature 1981-2011, da que é responsable Jonathan Dunne.

 

 

Un volume escolma en inglés as letras galegas desde 1981

Nos vindeiros meses publicaranse tamén traducións de «Cantares gallegos» e «Todo é silencio»

Do Estatuto de Autonomía á actualidade. É o período no que se centra Anthology of Galician Literature (1981-2011), un volume que escolma as letras galegas tanto en narrativa e poesía como en teatro e ensaio, a través dos textos de sesenta autores en edición bilingüe galego-inglés. O tomo, publicado pola Xunta, Xerais e Galaxia, continúa no punto no que remataba outra antoloxía anterior, que arrancaba na Idade Media e chegaba ata finais do século XX.

Jonathan Dunne, antólogo e tradutor principal da obra, cre que o Estatuto e o pulo que colleu a lingua foron determinantes no incremento de escritores e editores, pero que a calidade dos autores radica en falar do seu tempo e á vez ser quen de transcendelo para acadar a universalidade. «Para min, a literatura galega deste período fai iso», afirma.

É esta unha xeira que tamén ten as súas particularidades. Dunne subliña por exemplo a cantidade de escritores que tamén son xornalistas e «o feito de mesturar distintos xéneros». A antoloxía tamén reflicte a maior presenza de autoras, «con moi boas poetas e narradoras», aínda que o tradutor advirte tamén de que non se marcou cotas no seu traballo: «A boa literatura non ten que ver estritamente co xénero da persoa, nin coa lingua na que escribe, senón coa sensibilidade e capacidade da escritora en si, a súa capacidade de visión, de compartir algo co lector, sexa home ou muller, non importa».

Os dous tomos da antoloxía presentan unha completa panorámica da literatura galega para o lector en inglés, un traballo de difusión que Dunne afronta en distintas frontes. Primeiro, a comercialización das traducións a través de selos privados, alén do circuíto académico. Logo está o sitio www.galicianliterature.com, que presenta autores contemporáneos a través dunha biografía, unha sinopse dun libro e unha mostra traducida, «o material que necesita un editor» para unha posible publicación.

Versión de «Cantares gallegos»

E, por último, o seu selo Small Stations Press, que despois de editar a Cunqueiro, Celso Emilio e Lois Pereiro, prepara agora a versión da canadiana Erin Moure de Cantares gallegos, que será «o primeiro poemario completo de Rosalía en inglés». Os plans de Dunne son continuar con Follas novas e En las orillas del Sar. Ademais, en maio Random House publicará a súa tradución de Todo é silencio, de Manuel Rivas, o que seguirá incrementando a presenza da literatura galega en inglés, que a finais deste ano se situará en 46 títulos.

Outras dúas escolmas

Ademais desta antoloxía, vén de publicarse Forked Tongues (Shearmans), unha escolma de mulleres poetas galegas, vascas e catalás, traducidas por autoras irlandesas ao inglés e ao irlandés, e preparada por Manuela Palacios.

Tamén saíu do prelo Sinfonía atlántica (Eneida), outra antoloxía bilingüe, neste caso galego-castelán e centrada no eido lírico. O estudo, tradución e selección correu a cargo de Carlos Clementson. A escolma comeza pola lírica medieval galaico-portuguesa, unha breve achega aos Séculos Escuros, o Rexurdimento e un amplo capítulo dedicado á poesía contemporánea.

Xesús Fraga

Deixa un comentario!