Menu Xerais

A aventura do Conde de Waldemar: un documento sociolóxico de primeira orde. Crítica de Manuel Rodríguez Alonso sobre «O misterioso Dr. Saa»

Manuel Rodríguez Alonso publica no seu blog, Bouvard e Pécuchet, unha recensión crítica sobre O misterioso Dr. Saa, libro subtitulado A historia do Conde de Waldemar, ilusionista, prestidixitador e telépata, de Xosé Díaz Díaz e Belén Fernández Guzmán.

 

Un rei de magos e un mago de reis

Xosé Díaz Díaz e mais Belén Fernández Guzmán preséntannos neste libro a biografía dun mago galego que na década dos anos vinte e trinta chegou a actuar diante da familia real española ou do emperador do Xapón (de aí que nas súas tarxetas de presentación se presentase como  Rei de magos/Mago de reis) ou perante personaxes como o presidente de Cuba ou mesmo nas grandes cidades como París, Buenos Aires, A Habana etc. Amais de que resulta moi entretida a biografía deste lugués de Bagude (Portomarín), constitúe un documento de primeira orde para coñecermos a vida cotiá na Galicia do primeiro terzo do século XX, pois o mago Dr. Saa naceu en1885.

Manuel Rodríguez Saa sofre unha dura infancia na súa aldea natal maltratado polo padastro. Por iso, sendo un adolescente, decide marchar para Lugo, onde aprende o oficio de camareiro. En 1905 parte de Lugo para Madrid e aí parece que comezan os plans de Rodríguez Saa para converterse en mago. De Madrid partirá para París. Vivirá no mítico barrio de Montparnase e alí realizará a aprendizaxe que o levará a ser un grande ilusionista e mesmo hipnotizador. Nos anos da Primeira Guerra Mundial e mais nos felices vinte moverase polo circuíto dos célebres cabarés de París, Londres, Berlín, Hamburgo, Múnic e terá como centro o barrio xa citado de Montparnasse.

Nos anos vinte produciranse os seus grandes triunfos en Cuba, especialmente con número como a conversión dunha folla de xornal nun billete ou co hipnotismo, como o número do célebre tranvía de Maiagüez. Non menos sorprendente será a súa voda en 1937 cunha rica herdeira filipina. Nese mundo de aventuras salvará a vida na invasión xaponesa de Filipinas porque lles ensina aos soldados xaponeses que o ían executar unha foto onde aparece co emperador do Xapón tras unha extraordinario actuación diante deste mandatario.

Mais a partir da década dos cincuenta e tras enviuvar e mesmo ter que fuxir de Filipinas ante as acusacións de desfalco dos bens da muller que lle fai unha parte da familia desta, comeza o seu declive. Tenta incluso triunfar en Holliwood, mais a súa vida remata en 1984, en Narón (Portomarín), como un de tantos emigrantes regresados e, aínda que non rico, cun capitaliño que lle permite pasar os seus últimos anos con decencia e sempre sen abandonar o exercicio do ilusionismo, pois sempre estaba disposto a actuar para quen llo pedía, incluso con noventa e nove anos, pois a súa vida case acadou o século.

Como xa dixemos, o lector goza con esta vida viaxeira e aventureira do Doutor Saa. Mais o libro é tamén un documento sociolóxico de primeira orde. Así vemos como nos primeiros anos do século XX no rural galego era normal o traballo dos cativos, como lle acontece ao propio mago. A lectura e escritura aprendeuna pola súa conta, sen acudir a unha escola regrada. Mais tamén se estaba a transformar a sociedade galega. O desenvolvemento urbano que trouxo o liberalismo e especialmente a Restauración, moi especialmente nas capitais de provincia ou nas vilas, permitía que moitos rapaces espelidos como era o noso mago puidesen fuxir das duras condicións do campo e atopar na cidade empregos como o de camareiro, que non era que fosen unha lotaría, mais permitían mellorar as condicións de vida. Tamén observamos o cambio que se produce pola irrupción de transportes modernos como o ferrocarril ou os coches de liña a partir da década dos anos vinte. Grazas a estes medios hai unhas posibilidades de desprazamento e mesmo de traballo e formación que eran impensables antes e das que se aproveitou o noso mago.

Vemos así mesmo como era a partir dos anos vinte o ocio nas cidades galegas. As cidades e mesmo as vilas da Restauración tentan reproducir o modelo de vida xa non de Madrid senón de París. Ao lado dos espectáculos en directo, como as actuacións de cantantes, ilusionistas ou compañías de teatro, irrompe agora o cine. O propio Dr. Saa compartía moitas veces a súa actuación coa proxección dunha película de cine mudo. Nas capitais de provincia os escaparates dos comercios difunden as novas modas chegadas de París, grazas á mellora das comunicacións. Mais todo este novo mundo chega e exprésase en castelán. A prensa, que espalla estes novos entretementos, está tamén en castelán. O mundo do lecer moderno entraba dominado polo castelán e, por desgraza, así seguimos.

En fin non menos ilustrativo é o comportamento do mago como un emigrante típico, pois nos primeiros tempos sempre lle manda desde o estranxeiro a remesa de cartos á familia, por exemplo. Mesmo cando volve organiza unha festa para todo o seu pobo, tratando así de acadar un certo recoñecemento social ao seu triunfo. Xa que logo, libro que amais de ser unha moi boa biografía dun dos magos galegos de máis sona, é un moi bo documento sociolóxico sobre a Galicia do primeiro terzo do século XX.

Manuel Rodríguez Alonso

Comentarios pechados