Menu Xerais

«A Cabeza de Medusa» recomendada polas lectoras do Clube Linguason

Tres lectoras do Club Linguason recomendan a novela de Marilar Aleixandre A Cabeza de Medusa

Marilar Aleixandre é Doutora en Bioloxía e Catedrática de Ciencias Naturais de Ensino Medio. Actualmente é profesora na Universidade de Santiago de Compostela. Escribe literaturatura infantil, xuvenil e para adultos e os seus son títulos, moitos deles premiados, como A formiga coxa, Agardando polos morcegos, Lobo nas illas, Teoría do Caos, A compañía clandestina da contrapublicidade ou Rúa Carbón.

Persoalmente, A Cabeza de Medusa gustoume moito. A diferenza doutras novelas, non se basea nun feito irreal que nunca pasaría, senón que conta unha historia que lle podería pasar a calquera rapaza da idade de Sofía e de Lupe e cunha vida normal, unha vida que cambia no momento en que deciden subirse ao coche duns descoñecidos. Este foi un relato que me pareceu moi entretido dende o primeiro momento, ademais de porque os protagonistas teñen máis ou menos a nosa idade, o que nos facilita entender mellor o que senten en cada monento.

A novela pon de manifesto as distintas caras da sociedade, sexan boas ou malas, ante un mesmo caso. A autora comeza contando como era un día normal antes do sucedido e vainos narrando a historia de forma que vexamos como reaccionan os personaxes ante o que senten. E, sobre todo, móstranos como pode chegar a cambiarche o resto da túa vida con tan só unha decisión tan simple como dicir si ou non. Cristina Vila Paz (3ºA)

Nesta historia, ao igual que no mito da Medusa, móstrase a culpabilidade que levan as violadas en lugar do violador. Medusa foi violada por Poseidon no templo de Atenea. A deusa enfurecida transformou o pelo de Medusa en serpes e botou sobre ela a maldición de que quen a mirara se convertiría en pedra. Neste libro de Marilar Aleixandre compárase a súa historia coa de dúas rapazas violadas unha noite ao saír dunha festa e como seguen as súas vidas despois do sucedido. Recomendo este libro pola maneira na que ve a vida e porque ten un final feliz. Antía Castelo (3º A)

A cabeza de Medusa é o libro que eu escollín para ler e gozar. Cóntanos como dúas rapazas son rexeitadas por unha parte da sociedade despois de sufrir unha agresión.  Este relato non só me gustou, tamén me fixo pensar que aínda que xa non esteamos nun país machista hai aspectos da sociedade que teñen que seguir cambiando. Sandra (3º A)

Anotación publicada no blog do Clube de Lingua do IES de Porto do Son o 31 de maio de 2010.

Comentarios pechados