Menu Xerais

A Costa da Morte e «Costa do Solpor» de Xosé Mª Lema. Reflexión de Xosé M. Varela Varela

O blog sobre Costa do Solpor reproduce o texto que escribiu Xosé M. Varela Varela para a presentación da novela Costa do Solpor de Xosé Mª Lema, en Carballo.

 

 

TEXTO LIDO NA PRESENTACIÓN  EN  CARBALLO  DA  NOVELA COSTA DO SOLPOR  (19-4-2013)

Debemos comezar esta presentación literaria preguntándonos cando o concepto de Costa da Morte se achegou a cada un de nós por vez primeira. A min acercóuseme sendo un adolescente de mans dun vello regueifeiro.
O concepto de Costa da Morte
Maximino Garrido Blanco, o Zoqueiro, labrego, mariñeiro, pseudopracticante, cesteiro, carpinteiro de ribeira, redactor de partillas etc., mantiña unha relación -digamos cultural- comigo moi diferente á doutros rapaces da parroquia de Santiago de Mens. Como andaba a estudar o BUP pola Coruña sempre me falaba en termos históricos e de tempos do pasado. Radiografaba os meus coñecementos. Nunha festa de aniversario, eu regaleille aquela pequena Historia de Galicia de cor azul escura publicada por Galaxia, autoría de Ramón Villares. Días despois baixoume do seu cuarto o libro: Costa de la Muerte. Historia y anecdotario de sus naufragios. Maximino, tíñao como libro de cabeceira, porque ó ser mariñeiro no porto dos Loureiros (Barizo) coñecía moitos dos cons e baixos nos que naufragaran parte das embarcacións que se citan no magnífico libro do mestre José Baña Heim. Digo magnífico por cómo se xestou: saídas pedagóxicas co alumnado de Camelle ós entornos de barcos naufragados; brillante traballo de campo.
Este foi o meu primeiro enfrontamento coa Costa da Morte. Seguro que para moitos dos aquí presentes a cita será a mesma. Na nosa opinión, Baña Heim acuñou e divulgou o topónimo contemporáneo da Costa da Morte nas décadas finais do século XX.
Andando os anos, xa sendo un recén licenciado en filoloxía galega, tiven a sorte de que Manuel Vilar me facilitase unha copia do orixinal castelán da novela La Costa de la Muerte, publicada na década dos 20 polo escritor sevillano José Mas. Un equipo multidisciplinar (filólogos, dinamizadores culturais e etnógrafos) logramos que vise a luz en lingua galega. No proceso de investigación desta novela que, aínda que transcorre en gran parte nas terras de Malpica de Bergantiños, nos presenta o territorio da Costa da Morte desde a vila mariñeira de Caión ata as ribeiras dunares de Corrubedo e a vila de Noia, descubrimos que tanto na prensa coruñesa como na da emigración galego-americana se empezaba a falar de modo repetido do topónimo Costa da Morte. A razón que se daba eran os frecuentes naufraxios ocorridos neses primeiros anos do século XX debido á recalada de embarcacións que desde a vella Europa navegaban preto destas terras. O propio José Mas expresa esa razón nunha entrevista concedida a un periódico coruñés.
En concluíndo o século XX, a Costa da Morte converteuse nun referente temático para libros de distintos xéneros. Citamos algúns exemplos. No terreo da literatura, Costa da Morte blues de Manolo Rivas. No ámbito das guías de viaxes nomear as de Laredo Verdejo (Galicia enteira) ou as do noso compañeiro aquí presente Xan Fernández Carrera (Costa da Morte ou Lugares con encanto da Costa da Morte). Reeditáronse libros de viaxeiros históricos (Aubell). Poderiamos seguir cun senfín de títulos. Todos están catalogados polo filólogo Chema Rei Lema.
Na tradición bibliográfica
 Costa do Solpor continúa esa tradición bibliográfica. Como se pode ver na páxina 659 de ‘Débedas’, son moitas as fontes de inspiración nas que bebe para continuar con esa vella herdanza. A día de hoxe poderiámonos preguntar qué outro territorio galego se ten convertido en eixo temático e fonte de inspiración para tantos novelistas, poetas, ensaístas ou investigadores.
Falemos do autor. Xosé Mª Lema, Cheíto (o seu hipocorístico futbolístico), é un incansable investigador e dinamizador cultural da Costa da Morte. Décadas atrás témolo comparado co xeógrafo Ramón Otero Pedrayo. Quizais daquela fósemos un tanto ousados na nosa comparanza. Hoxe, a nosa ousadía xa non é tanta. A súa pluma verteu tinta de múltiples vertentes temáticas: a onomástica (os meus dous fillos teñen os seus apelativos sacados do Diccionario dos nomes galegos –dirixido por Ferro Ruibal-, do que é coautor), a arqueoloxía, o mundo do fútbol, a lexicografía, a arquitectura civil de pazos e faros, a etnografía de hórreos e cruceiros. Aínda non hai anos escoitei de ‘pesos pesados’ da cultura galega que quizais, daquela, o seu mellor libro era o Bamiro (1977), un estudo etnográfico sobre a súa parroquia natal. Volume rigoroso e á vez divulgativo para que cada veciño da parroquia teña como galano no recibidor da súa casa. Pero tamén moi salientable, na nosa opinión, a súa tese de doutoramento: A arte relixiosa na Terra de Soneira (1993), estudo pioneiro para o que, ademais de ter que salvar as propias dificultades dunha investigación, houbo que engadirlle as da súa redacción en lingua galega. Se non erramos, era a primeira vez que se realizaba unha tese de doutoramento de historia da arte desas dimensións na lingua de noso. Todas e cada unha das palabras para denominar unha igrexa por dentro e por fóra, dos seus contidos e continentes, houbo que procuralas de novo. Asombroso. Por sorte, a súa ampla experiencia nos dicionarios de Edicións Xerais avalaban este esforzo.
Agora bota a andar no terreo da literatura con esta Costa do Solpor. Segue os camiños do seu conveciño Enrique Labarta Pose. Xa non é a primeira vez, posto que na década dos anos noventa nós lle pediramos un pequeno relato para publicar nunha antoloxía de literatura infantil da Costa da Morte.
A gran novela da Costa da Morte
 Esta é a gran novela da Costa da Morte e non o dicimos polas máis de 600 páxinas senón pola calidade que atesouran as súas páxinas.
Hai aquí un magnífico emprego e dominio da lingua galega. Outra vez máis, unha das facianas do Lema. Ó longo destes case vinte anos de xestación da novela seguramente que houbo un arduo traballo de selección da palabra precisa e preciosa para designar cada parte dunha embarcación veleira, ese accidente marítimo, o léxico de aproximación dun barco á costa. Como bo novelista sabe medir o peso das palabras e non abusa con pedantería da lexicográfica. Lémbrome agora dunhas declaracións, ó respecto, doutro gran novelista, Carlos Casares. Dicía: “No tocante, ó uso das palabras descoñecidas para o lector, o escritor debe empregalas coma se dun pequeno regato se tratase. O regato discorre pracenteiro polo verde val e de pronto encóntrase cun cativo accidente de terreo que ten que salvar con ruído das súas augas, pero pronto volve ó seu manso camiñar a paso de boi”. Así fai tamén O Lema, sen fartarnos.
Aínda hai poucas semanas que estivemos aquí na presentación literaria do libro Querida Paula de José A. Andrade Figueiras. No coloquio mantido co público abordouse precisamente este tema: o léxico das narracións. Parte dos interlocutores avogaban por un léxico plano, sen estridencias, palabras do común que non espantasen os lectores ou que fixesen lectores. Como o noso compañeiro de cadeira nese día, o investigador don Xosé Pumar Gándara, se lle estaba facendo a sesión un tanto longa non quixemos entrar nese debate. Costa do Solpor é un magnífico exemplo para eses interlocutores: calidade lingüística sen caer na liña recta, na monotonía lingüística. Eu cando leo un libro busco que me sorprenda tamén lingüisticamente. Respecto a isto, lembro que na miña época universitaria -finais dos 80, principios dos 90- os nosos catedráticos de literatura criticaban a lingua da narrativa contemporánea por non superar o léxico dos dicionarios de Xerais. Menos mal que por aquel tempo xa andaba o Darío Xohán Cabana a publicar as súas primeiras novelas que contradicían esas afirmacións.
Recreación dun mundo e dunha época
Cando o malpicán Xelucho Abella exerceu como padriño na presentación da novela A Costa da Morte de José Más dixo que o que máis destacaba no libro era a magnífica recreación dun mundo e dunha época. Isto está brillantemente traballado en Costa da Solpor, mesmo vai máis alá. Recréase aquí un mundo local (parte das pequenas vilas e aldeas mariñeiras da Costa da Morte), o provincial (cando nos leva á cidade da Coruña ou se fan referencias a Compostela), o Estado, as referencias europeas e mesmo o pasado/presente da novela colonial americana. Todos eses mundos converxen no núcleo máis agreste da Costa da Morte (Vilán e arredores) e enriba das táboas dunha goleta con velas movidas a forza de vento.
As partituras deses mundos (e citamos o eido da música dado que con ela tamén ten vínculos O Lema e na novela aparecen unha gaita e un acordeón) son variadas. Hai aquí unha polifonía de temáticas deses mundos: as loitas relixiosas, o declive da nobreza, o amor entre Chavián e a súa princesa, os persoeiros históricos que loitaron por unha sociedade mellor (Sarmiento), os nosos artistas históricos (os escultores de Borneiro, o Alemán de Camelle). Mención especial merece, por ser grandemente descoñecido e mesmo extrapolable ós anos de hoxe, o mundo dos corsarios (coruñeses) que oficialmente pasaban por homes de ben pero que tiñan oculta unha cara B, maligna e sanguinaria.
Xabier P. Docampo manifesta en repetidas ocasións que as súas novelas non están pechadas mentres os seus personaxes non medren como personaxes, mentres non maduren, mentres non pasen dun estado inicial ata un final e nese percorrido haxa unha aprendizaxe da vida, unha transformación interior; transformación que o autor tamén quere para o lector. Isto tamén se dá en Costa do Solpor a pesar do risco de manter tan amplo elenco de personaxes. Uns mínimos exemplos: O Tiopa pasa de malo da Confraría da Man Morta a poñerse da parte dos protagonistas. O Chavián que descubre, en conversas que nunca antes tivera con súa nai, cal era o seu verdadeiro pasado. E para nós, a transformación de personaxe máis importante é unha transformación colectiva: a da mocidade daquelas vilas mortas, acomodadas ás esmolas da Confraría, que son quen de loitar pola dignidade dun futuro mellor. Isto creo que tamén é unha mensaxe do autor (O Lema) para a sociedade actual.
Non queremos deixar de citar a presenza do humorismo que aparece nalgunha das páxinas, poucas, do libro. Se non estamos equivocados, cremos que é unha homenaxe ó seu veciño Enrique Labarta Pose. Encontramos humorismo na conversión no mendiño farrapento e cheirento que vende queixos cheirentos como estratexia para subir ó barco corsario, por exemplo.
Lida en cinco noites
¿Asusta a lectura dun libro de 600 páxinas? Todo vai depender con que ollos vexamos o volume. Aviso que non nos deben asustar tantas follas escritas. Hai pequenos libros dos que son incapaz de pasar da páxina 20 e grosos volumes dos que agardo unha segunda parte ou mesmo boto en falta aínda máis acción tras o último capítulo. Costa do Solpor é para min dos segundos. Lino en cinco noites nos que tardei máis horas do debido en botar as sabas enriba do corpo. O desexo irrefreable do lector. Sóubome xa desde a primeira páxina e non por ser o libro dun amigo, senón porque todo o que aquí se artella (aventuras, a identidade da Costa da Morte) encadra cos meus gustos lectores e encadra tamén porque está escrito con verdadeira mestría de experimentado narrador. Por iso vos convido a que Costa do Solpor, como tamén lle acontecera o meu amigo, o regueifeiro Maximino Garrido, co libro de Baña Heim, se convirta na novela de compaña dos tempos tanto de sol como de solpor que xa están próximos a pesar de tanta auga, porque aquí hai máis lecturas ca a ‘novelesca’, aquí hai máis illa ca a do tesouro, amósase un verdadeiro retrato da Costa da Morte de hai un par de séculos. Non vos sentiredes defraudados como lectores, seguro.Quero rematar cunha pequena reflexión. Na miña biblioteca persoal teño libros ós que volvo en numerosas ocasións, síntome na obriga de reler todo ou parte. As Memorias dun neno labrego de Xosé Neira Vilas, A esmorga de Eduardo Blanco Amor, Merlín e familia de Álvaro Cunqueiro, Os libros arden mal de Manolo Rivas, Criminal de Xurxo Borrazás, Queixumes dos pinos de Eduardo Pondal, Aire negro de Agustín Fernández Paz. Amigo, Xosé María, desde hoxe esta novela Costa do Solpor será outro dos meus libros de relectura. A el acudirei para recordar as aventuras da furna da Buserana, a el acudirei cando queira saborear como eran as rúas e o porto desa Coruña corsaria, a el acudirei cando…
Grazas por ser o responsable que este amigo, Costa do Solpor, entrase na miña casa.

Xosé M. Varela Varela

 

 

Comentarios pechados