Menu Xerais

A dureza do rural. «Tras da Corda», de Carlos Reigosa: Unha boa lectura para as vacacións. Crítica de Manuel Rodríguez Alonso

Manuel Rodríguez Alonso publica no seu blog, Bouvard e Pécuchet, unha recensión crítica sobre Tras da Corda, de Carlos G. Reigosa.

 

Tras da Corda

Baixo o título de Tras da Corda, Carlos G. Reigosa reedita os seus dous libros de narracións curtas Homes de Tras da Corda (1982) e mais As pucharcas da lembranza (1986). Como ben indica o título, todos estes relatos breves están unidos polo espazo xeográfico onde acontecen, que o autor denomina co topónimo por el creado Tras da Corda e que se corresponde coa zona onde naceu o autor, a aldea de A Abelaira e a súa contorna, no concello da Pastoriza, pasada a Serra da Corda, que nos libros de xeografía se denomina Cordal de Neda. Como ben sinala o autor no seu libro de conversas con Xosé Manuel del Caño é unha bisbarra situada na Montaña luguesa, que cantou por antonomasia Noriega Varela.

Nado en 1947 e nun medio rural, Reigosa pertence a esa xeración de nados nos corenta ou moi a comezos dos cincuenta no medio rural que van coñecer un mundo tradicional de oficios, costumes, valores e ata literatura popular que está a desaparecer cando eles son nenos e que ás veces xa non coñecen de primeira man, senón polos relatos dos veciños máis vellos. Literatura popular sobre lobos, a guerra de Cuba ou a de África, feiras, pelexas nas festas, crimes, vellos oficios mestúranse nestes relatos, que aparecen tinguidos pola nostalxia e a melancolía do que xa desapareceu. Todos os que temos a idade de Reigosa e procedemos dun medio rural sentimos esa sensación de nostalxia por un mundo que coñecemos na nosa infancia, mais que xa daquela estaba en transo de desaparición ou xa desaparecido, pero do que aínda existían testemuñas vivas que nos falaban del. De aí a melancolía e o pracer que sentimos cando recuperamos a nosa infancia e os contos dela.

Este mundo, tinguido pola devandita melancolía do que desapareceu, é o que aparece nestes relatos curtos. O problema deste tipo de literatura é a caída nun ruralismo ou costumismo facilóns e tópicos. Mais non acontece isto na maior parte dos relatos que nos presenta Reigosa, porque aínda que haxa idealización nos personaxes e feitos presentados, é un mundo duro, primitivo e ata violento, de instintos primarios no marco dunha natureza que condiciona estes instintos. A pobreza impulsa nalgún destes relatos aos seus personaxes á emigración, como acontece no que abre o libro, e cuxo desenlace pinta moi ben a mentalidade tradicional sobre o triunfo-fracaso na emigración e a importancia dada á opinión allea ou á valoración social. Non faltan tampouco os que se inscriben dentro da tradición picaresca sexual como “O milagre que lle pasou ó Eladio”, coa variante do conto picaresco sexual que remata en traxedia nun final, aínda que tradicional, de grande violencia e efecto sobre o lector como “As moitas paixóns do Cholas” ou “A triste fin de Xácome Las” . O relato popular relixioso inxenuo e que lembra o mundo medieval dos milagres da Virxe ou dos santos aparecen en “O párroco don Manoliño” e “Os talentos do Mourán”. Nun mundo rural de feiras e camiños non pode faltar o tema do roubo dos bandidos que saen aos camiños e así o motivo está no relato “A secreta aventura do Feitío”  A memoria histórica sobre a Guerra Civil está presente na historia de vinganza “A xustiza da madriña”. Outro tópico (entendido non de xeito despectivo, senón no sentido de Curtius, de tema ou motivo que se repite ao longo da historia da literatura) da narrativa popular é o conto da xustiza e xulgados, moi ben representado por “Os testemuños de Milios (chistada popular)”.

Mais este medio xeográfico é tamén un lugar onde abrolla a inxustiza como acontece co caciquismo tan ben tratado en “O Ramiro da Braña (ou a maldición do cacique)” ou a avaricia, o clasismo e o machismo en “A noite dos cans doentes”

Os que menos me gustan son aqueles contos en que se trata o tema das loitas entre mozos nas festas e feiras. Parécenme tópicos de máis. Tamén baixan a calidade ás veces as longas digresións históricas ou ensaísticas que introduce o autor nalgún conto de tema histórico, como o que se refire á guerra de Cuba do 98 (“A medalla do Xeneroso Lamas”), onde sobran as digresións históricos-ensaísticas sobre este conflito. Nalgún caso a figura das forzas, poderes ou astucia do heroe poden parecer inverosímiles (como en “A secreta aventura do Feitío). Mais, malia estas posibles eivas, o paso do tempo non fixo que estes contos perdesen interese, senón que, pola contra, lidos trinta anos despois da súa primeira edición gañan en melancolía e nostalxia, ao ofrecernos un mundo, uns personaxes e mais uns temas, costumes e valores que xa non son os de hoxe, pero que moitos aínda lembramos ou asistimos aos seus estertores.

En canto ao eido lingüístico noutras ocasións tésmolle sinalado a este autor erros no estándar que nos parecían incomprensibles en quen prestaba tanta atención ás cuestión normativas, pois era coautor dun célebre repertorio de dúbidas e erros do castelán publicado pola axencia Efe. Solicitabámoslle a mesma atención para o galego. Neste caso o libro presenta, sen perder a súa lingua a viveza e espontaneidade do galego popular falado da comarca do autor, unha moi boa adaptación ao estándar. Non obstante rexistramos cuadra no canto de corte (páx. 112), soleado (páx. 77) en lugar do normativo solleiro. Gráfase de vagar ao xeito antigo no canto do agora normativo devagar (páx. 94). Reitérase a conxunción anque, que desbota por castelanismo a reforma normativa de 2003. Regandixa (páx. 211) é termo que o Diccionario da Real Academia Galega (1997) rexistra con asterisco de incorrección e propón substituír por fenda. O castelanismo pelexos aparece na páx. 195, aínda que na 200 xa emprega a forma normativa pelello. Así mesmo aparece o castelanismo disculpalo (páx. 122) no canto do estándar desculpar. Máis grave é o emprego do reflexivo en coa man dereita tocouse o peito (páx. 132).

Xa que logo, reedición acaída destes contos que reconstrúen con nostalxia e melancolía un mundo xa perdido, mais que non idealizan ese mundo pois nel a inxustiza ou a violencia teñen o seu lugar, así como tamén a memoria histórica. É unha boa lectura para estes días de vacacións en que moitos de nós imos andar polos espazos rurais onde nacemos e pasamos os primeiros anos das nosas vidas. Para os máis novos, é boa lectura porque lles amosará un mundo que os seus avós e incluso pais viron en transo de desaparición e faralles ser conscientes das súas raíces.

Manuel Rodríguez Alonso

Deixa un comentario!