Menu Xerais

A emigración, cun tratamento cheo de tenrura: «Vaite xa!», de Marcos Viso. Anotación de Antonio García Teijeiro

Antonio García Teijeiro publicou no seu blog Versos e Aloumiños unha anotación sobre o álbum ilustrado Vaite xa!, de Marcos Viso.

 

 

«VAITE XA!», UN FERMOSO ÁLBUM DE MARCOS VISO QUE FALA DO DESARRAIGO FAMILIAR E SOCIAL

Gústame que na LIX non se lles agochen aos nenos temas que están ao seu redor. Se pensamos que literatura é vida, non debemos estar de costas a certas realidades. O que si hai que ter presente é a maneira de contar. Sutileza, elegancia, agarimo, intelixencia… son algúns dos substantivos que me veñen á cabeza se falo destes asuntos.

     E isto é o que fai Marcos Viso no seu precioso álbum Vaite xa!, que edita Edicións Xerais na súa colección Merliño. E ademais Marcos Viso, como grande ilustrador que é, acompaña o seu texto cunhas imaxes fermosísimas. Un reto interesante.
     Oso está preocupado porque nos últimos meses a horta convertérase nun cadaleito, levándose por diante a ilusión. Oso, perante a situación de necesidade, terá que partir na procura dun traballo mellor. E iso supón  partir e deixar a Osa e mais a Osiña no fogar e traballar lonxe, algo que lle doe fondamente.
A Oso xórdenlle dúbidas e a dor invádeo ao tomar esta dura decisión. O desarraigo familiar é un tema que o autor plantea nesta obra. A emigración, sempre presente no devir dos pobos, deixa a súa pegada no texto. Un texto que trata un tema real, doloroso, pero que o autor envolve en lirismo. Oso sofre os medos, as dúbidas, as determinacións, as incertezas, pero sen perder un fío de esperanza na súa decisión.
Marcos Viso conta unha historia que reflicte, xaora, uns feitos que están a padecer os seres humanos. E faino, na dobre vertente de escritor-ilustrador. Sae moi airoso do reto. Emprega unha linguaxe sinxela, directa, cun ton lírico que engaiola. Axilidade e emoción apálpanse ao longo das súas páxinas. E ilustra o texto con perspectivas diversas, primeiros planos, detalles precisos e con obxectos que simbolizan situacións e sentimentos.
     Un acerto este planteamento cheo de tenrura, que nos permite imaxinar un todo con eficacia. Marcos Viso crea un ambiente engaiolante e obríganos a camiñar descubrindo espazos varios (de aí as diferentes cores empregadas)  segundo os estados de ánimo e dacabalo do sentir máis fondo do protagonista.
     Parabéns a Marcos Viso polo que está a realizar. O seu nome xa comeza a figurar entre os artistas máis interesantes dentro da nosa LIX actual.
    Ten un magnífico futuro por diante. E eu alégrome moito.

Antonio García Teijeiro

Comentarios pechados