Menu Xerais

A época impón o poema: «ruído de fondo», de Daniel Salgado. Reportaxe de Iago Martínez

Iago Martínez publica en El País unha reportaxe sobre o poemario ruído de fondo, de Daniel Salgado,

 

A época impón o poema

Daniel Salgado dinamita o seu discurso poético en ‘Ruído de fondo’

O ruído de fondo (Xerais, 2012) é a guerra en curso. Polo menos, a guerra en curso inoculada no sexto libro de poemas de Daniel Salgado (Monterroso, 1981), homenaxe tamén ao xeito de organizar Don DeLillo a súa novela White Noise(1985). A violencia da época, a vida confiscada, a terrorífica ordenación do xardín, a desconsiderada violencia do que xa non é, o consenso nocturno, a toupeira, menos mal. “Descríbeo como che pete pero admite / urxencia”. Figuras do capitalismo serodio, cadáveres así. Sen cirurxía entre o persoal e o político nin posta en escena nin heroes que conduzan até o final do enunciado. Escrita provisional, non aliñada, contraria a simular bolero ningún. “A necesidade / de desmantelar o artificio / imponse”, escribe non se sabe (aínda) quen nunha sorte de plural. “Velaí se xogan as distancias, / a época, o reparto / de responsabilidades”.

O poema en ruído de fondo non aparece unicamente mordido polas bombas de racimo do exército norteamericano, como dicía o autor na lapela de días no imperio (2004). Tampouco é so o discurso como caída, sen principio nin final (coñecidos), como unha sesión de John Coltrane circa 1965 desvelada na súa duración, como ensaiaba en Éxodo (2006) e Ascension (2010). “Intentaba facer estoupar o meu discurso, por iso os poemas van seguidos e non van seguidos, están desordenados”, describe como pode Salgado. “Agora decátome de que é unha obsesión que se repite: a derruba fronte ao consenso literario. A teima é intentalo, non acadalo. O que me interesa é a dislocación”.

Aquí, a escrita bracea entre as ruínas da fábrica, arfa e súa en combate permanente coa linguaxe escrava e tuberculosa, entre insectos e vértebras e cinza e couza “contrae / toda enfermidade”, o ceo revolto de antes da torboada, detense, a piques de calar, e logo escórdase, convoca a Badiou e a Terry Eagleton cando o poema non dá, comparecen Mahmud Darwix, Méndez Ferrín, Hölderlin, Danton, James Agee, Eliseo Diego, Billy Bragg ou Pete Seeger ou Lois Pereiro ou quen sexa que pregunta cara ao final: e ti de que lado estás?. “O poema vira imposíbel: a época / decide”.

É o caos e é tamén un síntoma de que o poema é insuficiente”, explica. “Interésanme os intentos de introducir na poesía —non me gusta esa palabra— elementos alleos, é algo que está xa nos clásicos gregos pero que no século XX aparece en poetas importantes que leo repetidamente. E logo está a desorde do mundo, a multitude de estímulos e contradicións, a barafunda, e quería que se reflectise dalgún xeito. Non me convence o resultado, parece que un está a sacar músculo, pedantería, pero é algo que impón o propio discurso. É a necesidade de citar para chamar por outros”.

A carón de ruído de fondo, a voz de Os poemas de como se rompe todo (Sotelo Blanco, 2007) resulta —lido agora— algo máis amábel. O pórtico daquel libro, o cuarto, era unha autopoética in progress que resolvía a enumeración repetindo “fraternidade” até catro veces antes de abeirarse de novo ao cantil dos puntos suspensivos. Estoutro contén un verso, dous en realidade, que se clavan nos ollos: “E non hai / pronome posíbel”. Amodo, o autor retruca citando a dedicatoria estampada nas primeiras páxinas: “O pronome posíbel serían os que nunca se equivocaron de inimigo”.

Xa a profesora Helena González sinalara unha certa calidade xornalística no discurso poético de Salgado, periodista en EL PAÍS amais de tradutor de Allen Ginsberg ao galego e de Lois Pereiro ao castelán, entre outros autores, e parte do grupo de agit-prop electrónico Das Kapital. Referíase daquela González a Sucede e días no imperio, os seus dous primeiros libros, publicados ambos en 2004, pero hai uns versos en ruído de fondo que volven concertar esa idea: “A total escaseza / de fontes fiábeis. este, o / xornalismo da fractura”. “Cando romperon definitivamente”, sae ao paso o poeta, “Bob Dylan espetoulle a Phil Ochs que o seu non eran cancións, senón xornalismo. Dicíao en nome dunha certa idea de verdade e de beleza. Visto así, non sería unha mala autopoética”.

Iago Martínez

Deixa un comentario!