Menu Xerais

A extraordinaria capacidade lírica de Antonio García Teijeiro: «Un rato díxolle á lúa». Crítica de Rodríguez Alonso

Manuel Rodríguez Alonso publicou no seu blog, Bouvard e Pécuchet, unha recensión crítica sobre Un rato díxolle á lúa, a antoloxía da poesía de Antonio García Teijeiro feita por Fran Alonso e ilustrada por Xosé Cobas, con música de Paco Ibáñez.

 

Unha antoloxía para introducir na poesía e gozar con ela

Estes días no seu blog Ferradura en tránsito, o profesor e crítico literario Xosé Manuel Eyré fálabanos do descoñecemento que da poesía manifestan os alumnos dos derradeiros cursos da ESO. Polas palabras do devandito crítico e profesor, o xénero lírico resulta algo totamente alleo ao alumnado adolescente. Na mesma liña se expresaba hai uns poucos días Pilar García Negro, cando proclamaba que era incrible que alguén puidese aprobar a Selectividade sen ser quen de comentar nin ter lido nin unha liña de Rosalía, Pondal ou Curros. Esta antoloxía da poesía de Antonio García Teijeiro resulta utilísima para introducir os rapaces e rapazas no xénero lírico, pois ofrece poemas acaídos para os primeiros cursos de Primaria, mais tamén para os derradeiros de Secundaria. Por outra banda, é un agasallo para todos aqueles que seguimos a gozar da verdadeira poesía, pois a antoloxía é unha mostra de poesía de calidade e non nos debe descolocar o feito de que se publique nunha colección destinada a un público infantil-xuvenil.

Fran Alonso, o antólogo, escolma poemas de toda a obra poética de García Teijeiro, desde1988 a2011. Algúns destes poemas resultan especialmente útiles para seren utilizados nos primeiros cursos de Primaria ou mesmo no Ensino infantil, para, por exemplo, recitalos en voz alta perante os cativos. O profesorado adoita aprenderlles aos cativos e cativas de catro anos os nomes dos días da semana. Pois na páxina 25 teñen un moi doado e fermoso poema para recitar en voz alta e repasar os nomes dos días da semana. A cuarteta que abre a páxina 26 é unha sorte de haiku (e que por outra banda lle dá título á escolma), que se debe ler/recitar ollando a fermosa ilustración que vén na páxina da súa dereita. Adoitamos pasar por alto as ilustracións, mais son fundamentais no proceso de lectura-recitación de cara aos máis pequenos.

Como é lóxico o autor domina recursos propios da poesía popular, que resultan moi acaídos para achegar os máis novos á lírica. Así acontece con todas as figuras baseadas na repitición ou mesmo coas calidades lúdicas da linguaxe, mesmo as irracionais. Pero tamén é notable a explotación dos recursos gráficos que converten a páxina en expresiva, desde os distintos tipos de sangría aos espazos en branco no verso.

En fin, o libro presenta así mesmo poemas que poden moi ben valer para que mediten sobre o feito poético e gocen con el receptores de todas as idades. Penso, por exemplo no fermosísimo poema “O vento dorme” (páx. 73). Xa que logo, estamos perante unha antoloxía que é moi axeitada para introducir os cativos e cativas no xénero lírico, como xa sinalamos, mais tamén para que gocen lectores de todas as idades cunha lírica, que realmente emociona e enfeitiza a todos, á marxe da idade que se teña.

Cómpre que os profesores e profesoras busquen nesta escolma poemas que sexan axeitados para os distintos tramos de idade, desde o ensino infantil ou primario ata os derradeiros cursos de secundaria. A fe que os atoparán. Tamén sería moi útil, como tantas veces vimos dicindo aquí, que pais, nais, avós, avoas… lles reciten/lean en voz alta poemas desta antoloxía, apropiados para cada tramo de idade, aproveitando ademais as moi logradas ilustracións do volume. Hai que tentar introducir os nenos e nenas na poesía desde as primeiras idades e iso non é só cousa da escola.

O libro complétase cun CD no que Paco Ibáñez canta a Antonio García Teijeiro, así como con eses mesmos poemas recitados polo propio autor, o que contribúe a facer esta escolma aínda máis atractiva.

Por outra banda, quen isto redacta tivo a sorte de colaborar hai anos con García Teijeiro nun libros de texto de Secundaria e pode dar fe xa non só da capacidade técnica de García Teijeiro, senón da súa prodixiosa capacidade pedagóxica para que o alumnado goce coa lectura e mais a creación de textos literarios. Esta antoloxía é unha boa mostra da extraordinaria capacidade lírica de García Teijeiro, así como da súa habelencia pedagóxica para facer que pequenos e grandes gocemos coa poesía. Só me queda aludir ao acertado do colofón que leva esta escolma na súa derradeira páxina, que nos lembra que se publicou no 150 aniversario de Cantares gallegos.

Manuel Rodríguez Alonso

Deixa un comentario!