Menu Xerais

«A filla do ladrón de bicicletas», «Xoa» e a «Guía ilustrada da Galicia invisible»: as novidades infantís de Xerais

Romina Bal publicou onte no suplemento Lecer do Galicia Hoxe un artigo literario sobre tres das últimas novidades de Xerais destinadas especialmente aos lectores infantís: o Premio Merlín 2010, gañado por Teresa González Costa con A filla do ladrón de bicicletas, Xoa, de Antonio Yañez Casal e a Guía ilustrada da Galicia invisible, de Antonio Reigosa.

Reproducimos o texto do artigo:

Non irás en bicicleta costa abaixo se te deixas aconsellar polas propostas desta senlleira editorial galega, máis ben terás que pórlle freos á túa imaxinación. Son insondables lecturas que te levarán a unha terra fértil e a un mundo máxico irrepetible. Bota man do lapis e anota porque chega A filla do ladrón de bicicletas, Xoa e Guía ilustrada da Galicia invisible.

Hoxe presentamos as novidades de Xerais que inclúen o agardado Premio Merlín de literatura infantil creado alá polo 1986 coa intención de fomentar a creación literaria destinada especificamente ao público infantil. Entre as vinte e cinco obras presentadas a aquela primeira edición resultou gañadora a presentada pola escritora Úrsula Heinze baixo o título A casa abandonada.

Esta edición foi parar á escritora nada no Grove Teresa González Costa coa obra A filla do ladrón de bicicletas ilustrada por Jacobo Fernández Socorro. Esta noveliña conta a historia de Serafina, que é filla dun ladrón de bicicletas e que vive coa súa tía, dona Perfecta, nunha vila mariñeira. A súa máxima aspiración é ser equilibrista nun circo con Celerífera, a bicicleta coa que consegue abraiar, e cara a iso van enfocados todos os seus esforzos, aos que non serán alleos nin a axuda do vello Elías nin as dificultades que lle ocasionan a panda de Martiño o Bravo. O xurado da XXVª edición do Premio Merlín de Literatura Infantil outorgou o seu recoñecemento a esta primeira novela de Teresa González Costa salientando “a perfecta combinación de tenrura e humor dunha historia cuxo fío condutor é unha bicicleta que se converte en personaxe, á beira da protagonista, e que guía con eficacia o desenvolvemento da historia”. A filla do ladrón de bicicletas está recomendado para lectores de 11 anos en diante.

A segunda proposta que nos presenta esta senlleira das editoriais galegas é Xoa, de Antonio Yáñez Casal que conta coas impresionantes ilustracións cheas de vida de Rodrigo Chao e que conseguiu ser finalista do Merlín do 2009. Unha noveliña para lectores de 7 anos en diante que conta a historia de Xoa. Cando Xoa naceu, houbo festa rachada. Ninguén acordaba outra igual no campeiro. Os seus habitantes bailaron e bailaron ata non poder máis, contentos coma carricantas. E é que había tempo que naquel lugar non viña ao mundo unha xoaniña. Os veciños foron un por un darlle os parabéns á nai, que acoleiraba a Xoa con duzura. Todos coincidiron en que nunca unha xoaniña tan feita e tan garbosa adornara o campeiro, e iso celebrárono rillando nuns pulgóns moi saborosos.Todo un mundo que explorar para esta pequena bechiña que terá que completar sete probas sorteando atrancos que a levarán á madurez.
Por último temos que falar dunha xoia, unha edición que contén tradición e agarimo, trátase da

Guía Ilustrada da Galicia Invisible, que agocha no seu interior reinos, cidades, vilas, illas, covas, camiños, montes e outros moitos lugares onde disque fan vida xentes anfibias e outros seres capaces de circular entrambos os mundos, o tanxible e o intanxible, o que vemos e o que temos que imaxinar.

Neste libro, unha guía práctica para viaxar por un cento destes lugares, ábrense as galerías, franquéanse e ilumínanse os pasos soterrados para chegar a eses mundos escuros, sepultados baixo a terra ou a area, navégase polas canles que conducen aos lugares mergullados baixo as arrebatadas augas dun pozo ou dunha lagoa, do mar ou do ceo, e o autor Antonio Reigosa guíanos polos carreiros que agabean ou descenden ata os segredos do misterio.
Unha guía que fai visible o invisible.
Así podemos ler sobre Antioquía e como os paxaros da Limia berraban Que se funde! ou sobre o camiño soterrado que vai a Santo André de Teixido, ou de como medrou o mar cando todos durmían na cidade que había en Louro..

Algo máxico para ter na casa para grandes e para pequenos, ilustrada por Noemí López desde a súa singular perspectiva que todo o enche, que nos axudará a conservar ou a recuperar o noso, o noso fantástico herdado e moitas veces esquecido imaxinario popular galego.

Romina Bal

Comentarios pechados