Menu Xerais

A galeguidade da Axenda Xerais 2015. Crítica de Manuel Rodríguez Alonso

Manuel Rodríguez Alonso publicou no seu blog, Bouvard e Pécuchet, unha recensión crítica sobre a Axenda Xerais, elaborada por Celia Torres.

Coma todos os anos: a Axenda Xerais 2015

Chega estes días ás miñas mans unha nova Axenda Xerais, a dedicada ao próximo ano 2015. Contra o que poida parecer, a autora da devandita axenda non se limitan a reproducir a do ano pasado cos inevitables cambios no calendario. Hai innovacións, algunhas das cales pasamos a comentar.

A Axenda do 2014 ofrecía nas páxinas inicias, antes do Dietario, información moi completa sobre medios de comunicación-transporte, teléfonos de interese (como os de urxencias) ou os enderezos de institucións públicas, concellos e medios de comunicación. Tamén, tras o Dietario,figuraba un mapa de estradas de Galicia. Na edición de 2015 desaparece esta información, sen dúbida porque as aplicacións dos móbiles e mais Internet xa ofrecen estes datos. Con todo, os afeitos ás axendas e á información tradicionais botamos de menos estas páxinas agora desaparecidas.

Pasando xa ao corpo da axenda, o Dietario, temos que sinalar que mantén as efemérides do ano pasado. Xa falamos, cando comentamos a Axenda do 2014, do acaído e completo destas efemérides. Pero, na edición actual estas efemérides vense completadas con novas informacións. Así se abrimos o Dietario de 2014 polo 1 de xaneiro alí dáse que se celebra a Feira do Gando en Betanzos. Na de 2015 mantense esta información, pero engádese outro nova: Nace na Coruña a xornalista María Luz Morales. En 1936 foi nomeada directora do xornal La Vanguardia de Barcelona converténdose así na primeira muller directora dun xornal. Cómpre sinalar que moitas destas innovacións son ademais para darlle visibilidade ao papel da muller na nosa sociedade. Así engádese no 9 de xaneiro: 1925 A mestra e política Concepción Pérez Iglesias foi elixida alcaldesa de Portas, converténdose na primeira muller alcaldesa do Estado.

Seguindo coas efemérides, especialmente as engadidas, hai algunhas que nos poden parecer anecdóticas, mais que nos falan dunha Galicia moderna e mesmo capaz de aplicar os coñecementos técnico-científicos á vida diaria. Así a que se engade o 5 de febreiro: 1923 Rexístrase Agua de Colonia La Carmela a famosa loción hixiénica que o profesor de química orgánica da USC, Nemesio López Caro creou no 1902 na rebotica da súa farmacia compostelá da rúa das Ánimas. Outras engadidos refírense a acontecemos histórico-culturais-literarios, como o que se inclúe sobre o nacemento de Eduardo Pondal, o 7 de febreiro. No 14 de febreiro engádese un dato que nos traeo moitas lembranzas aos ourensáns dos meus tempos, que fomos e aínda somos seguidores de La Región: 1910 Sae á rúa o primeiro número de La Región.

Non falta tampouco o vivir cotián da nosa Galicia, especialmente da de posguerra. Os que temos certos anos e somos do medio rural ou rural-urbano temos na nosa mente de xeito inesquecible os célebres coches de liña ou simplemente a liña (en moitas ocasións aludida co castelanismo a línea/o coche de línea). Eran máis habituais do normal os seus accidentes. Engádese no 26 de febreiro un destes accidentes máis tráxicos: 1955 Un autobús con 44 pasaxeiros, que cubría a liña  O Porriño-Ponteareas, envorcou nunha curva da aldea de Cans-O Porriño. Morreron 31 persoas e 11 resultaron feridas.

En fin, eu teño que dicir que lin enteiro o conxunto de efemérides que presenta a Axenda e serviume para facer unha especie de lembranza rápida da historia de Galicia, en todos os seus aspectos, desde os tempos máis remotos ata agora mesmo. Lembrei como era a vida na miña infancia e adolescencia e tamén como progresamos nos últimos anos. Ata nalgún caso se producen curiosas coincidencias. O día en que morre Eduardo Pondal, o 7 de marzo, un declarado misóxino, celébrase tamén o Día Internacional da Muller. Un 21 de marzo morre Cesáreo González, o gran creador de Suevia Films, e tamén un 21 de marzo morre o gran cineasta galego Chano Piñeiro. E aínda máis coincidencias: o Día das Letras Galegas é tamén o Día Mundial de Internet.

En fin polas páxinas do Dietario pasa toda a nosa historia, desde os primeiros autobuses de liña, o primeiro tranvía, a chegada do tren e non sei cantas cousas máis. Ofrécenos este Dietario a imaxe dunha Galicia onde o campo e o mar foron moi importantes, mais tamén unha Galicia onde a ciencia, a técnica e o progreso tiveron o seu asento. Xa que logo, a lectura do Dietario e unha boa dose de galeguismo e orgullo propio

En canto á lingua, a autora acerta plenamente. As súas informacións concisas e amenas están ben redactadas, con enunciados non oracionais ou oracións sinxelas e tallantes. Pásalles un pouco o que se di das anotacións escénicas de Valle-Inclán: que aínda que non estaban redactadas con pretensións literarias, a súa literalidade é un feito innegable. Cómpre sinalar así mesmo que cando un día non ofrece ningunha efeméride digna de mención, o que aparece é algún dito ou refrán popular. Así no 18 de xaneiro lemos: En xaneiro, un pouco ao sol outro pouco ao fumeiro.

Por último, só me queda dicir que este Dietario e as súas efemérides teñen unha extraordinaria utilidade no eido do Ensino. O profesor ou profesora que quere falar neste xaneiro, por exemplo, de feminismo, cultura popular, sociolingüística, literatura e non sei cantas cousas máis sobre a nosa comunidade ten un verdadeiro filón de suxestións nas devanditas efemérides. E así todos os meses e todos os días do ano.

En fin, ben que gocei lendo as efemérides, recibindo unha lección ou recordatorio de galeguidade. Esta Axenda é para min a digna herdeira dun Almanaque célebre na Galicia contemporánea e do que falaremos proximamente nestas páxinas: o Almanaque Galaxia para 1975. Nestes días en que temos que facer regalos recomendo que se merque este libro para ofrecelo como galano. Tamén o deben ter todos os profesores e profesoras que pretendan da un ensino enraizado na nosa comunidade, pois constitúe unha moi boa programación para a galeguidade.

Manuel Rodríguez Alonso

Comentarios pechados