Menu Xerais

A Galicia de hai cen anos: o calendario de Xerais para o 2014 con fotos de Ruth Matilda Anderson. Anotación de Rodríguez Alonso

Manuel Rodríguez Alonso publicou no seu blog, Bouvard e Pécuchet, unha recensión sobre  o Calendario Xerais 2014 Ruth Matilda Anderson.

 

O calendario para o 2014

Un día de agosto de 1924, vai facer así dentro duns meses noventa anos, a fotógrafa estadounidense Ruth Matilda Anderson desembarcou no porto de Vigo. Traía a encarga do filántropo Archer Milton Huntington (fundador da célebre Hispanic Society of America) de fotografar a vida, os costumes, as persoas e as paisaxes de Galicia. Neste calendario para 2014 os meses levan cadansúa foto ilustrativa tomada das que a fotógrafa estadounidense realizou nesta súa campaña, acompañada dun breve comentario da propia fotógrafa. Malia que hoxe desde os reloxos ata os móbiles nos ofrecen o calendario, mesmo con moita máis precisión ca o tradicional almanaque en papel, eu teño que dicir que colguei a carón da miña mesa de traballo este calendario de Xerais, porque me permite ver como eramos hai cousa dun século.

As fotos do calendario permítennos ver, xa que logo, como eramos. En xaneiro, magóannos eses pés descalzos dun cativo que contempla, con outras persoas, os aparellos para xogar á chave. As leteiras compostelás lémbrannos unha figura costumista que aínda recordamos polas rúas das cidades e vilas galegas os que temos unha certa idade. Porque resulta que iso é unha das vantaxes deste calendario. Cando vemos as fotos de cada mes, os que xa temos unha certa idade lembramos tipos, costumes ou características da Galicia da nosa infancia-adolescencia hoxe xa desparecidas. Operan en nós estas fotos ao xeito da famosa madalena de Proust.

Deste xeito, temos perante os nosos ollos unha imaxe da Galicia de hai cen anos, tanto da rural como da urbana. Nesas doce fotos, nunha moi boa selección, desfilan perante os nosos ollos obxectos, actividades e formas de vida da Galicia de hai un século. A vida cotiá daqueles anos como as viaxes, as feiras, os entretementos son captados pola fotógrafa estadounidense. Non menos interesante é a observación das vivendas daquel tempo ou mesmo do vestiario ou das formas de ir dun lugar a outro. Non faltan mesmo os aromas daquela Galicia, evocados non sen ironía pola fotógrafa como acontece na foto dos polbos a secar correspondente ao mes de setembro.

Mais, contra o que podemos pensar, non todo era pobreza naquela Galicia. A descrición da fonda de San Clodio no Ribeiro é un canto á confortabilidade, que tamén se podía atopar daquela na Galicia rural.

Gústanos sobre todo que neste calendario se dá unha imaxe de Galicia rural, mais tamén urbana. A Galicia de hai cen anos era fundamentalmente rural, mais non faltaba nela o tecido urbano. Por iso é un acerto a fotografía que pecha o calendario, coa imaxe e mais co comentario centrados na cidade de Vigo. Cómpre ver esta fotografía, mais tamén ler o texto de Anderson que a acompaña.

En fin, creo que, aínda que os ordenadores, os móbiles e demais artiluxios electrónicos que manexamos hoxe nos ofrecen unha medida do tempo máis precisa ca as dos tradicionais calendarios ou almanaques, cómpre mercar este calendario e colgalo, ao xeito tradicional, no noso lugar de traballo. Hai que ir cambiando de folla manualmente, cando remata cada mes, e dedicar un anaco a contemplar a foto e ler o texto que a acompaña. Os máis vellos lembraremos xa non só a Galicia de hai cen anos, senón a da nosa infancia e adolescencia, pois ata a metade dos sesenta ou aínda un pouco máis aló, esta Galicia estivo viva. Os máis novos, ao contemplaren estas fotos e leren os textos, verán de onde veñen e comprenderán moitos aspectos da Galicia actual. Calendarios coma este debían estar presentes tamén en lugares públicos, desde salas de profesores ou salas de espera de centros de saúde ou oficinas públicas, no canto dos inexpresivos, tópicos e globalizados que se adoitan ver nestes lugares e que son publicidade barata de laboratorios, editoriais do Ensino e outras empresas similares, que nada achegan. Mesmo pode servir este calendario como galano para estes días do Nadal. Eu merquei un par deles para as miñas fillas e do seu comentario en familia saíu un propósito para esta próxima Semana Santa, visitar algúns lugares da nosa historia familiar que seguen a conservar aínda as características que aparecen nas fotos do calendario, como as casas da Grova vella. Esperemos que a editorial siga en próximos anos co costume de publicar calendarios deste tipo. Recuperará así a vella tradición dos almanaques decimonónicos, que non só ofrecían a medida do tempo, senón entretemento e cultura.

Manuel Rodríguez Alonso

Comentarios pechados