Menu Xerais

A intimidade coa terra. Artigo de Xavier Castro sobre «Cita en Fisterra», de Luís Rei Núñez

Xavier Castro Rodríguez publica un artigo de opinión en Galicia Hoxe obre Cita en Fisterra, de Luís Rei Núñez.

 

Andar a terra cativo da súa cerna

A literatura sempre foi permeable á temática e aos tópicos dos camiños percorridos como tránsito, evolución ideolóxica e humana, metáfora.. e todos os xéneros teñen intensificado a esencia da natureza e da paisaxe como trazos inherentes ao camiñante.

Esta ‘Cita en Fisterra’ (Ed. Xerais) de Luís Rei Núñez congrega todas as pezas que se poden agardar arredor da exposición, narración e lírica dos espazos coñecidos en primeira persoa. É un libro da intimidade coa terra, en realidade coas terras dun amplo territorio, que, máis aló dos tópicos representa un tránsito, un final, un epílogo no que o camiñante (ou andante) convive e fusiona o que é coa realidade da matria vizosa que estala en vida nas congostras, camiños e paisaxes. E todo adobiado coa experiencia da historia e das xentes que agroman como parte dese manancial paisaxístico que Rei Núñez ofrece aos lectores como unha tentación para a descuberta de quen ignore esa natureza. “Unha natureza que ten a súa unidade de medida na paisaxe”. Cita para os encontros en sete xornadas, tal unha creación da divindade, para que o lector fique cativado e se transforme nas esencias dun espazo ricaz e, desde agora, algo máis coñecido. “Non son infrecuentes os pazos, de hai uns centos de anos, nin os dolmens, cunha antigüidade que se mide en milenios, pero o máis valioso de Fisterra son os outeiros, que xa estaban a quí cando o mundo quedou feito”.

Pedra chantada e pedra cicelada transformada en faro, casa reitoral, en igrexa e nas esculturas de Manfred de Camelle. Pedra, vento e terra, a tríade que cativa a quen experimenta a paixón do camiñar mudo e cego.

Xavier Castro Rodríguez

Comentarios pechados