Menu Xerais

A lenda do último dragón galego cobra vida co Encontro Dragal

La Voz de Galicia publicou unha información de Emma Araújo sobre a serie Dragal de Elena Gallego Abad.

 

 

A lenda do último dragón galego cobra vida co Encontro Dragal

O Pico Sacro acolleu un xogo de rol avalado por Política Lingüística

Fomentar a lectura na escola e facelo en galego dun xeito atractivo para os adolescentes non é un reto doado, aínda que traballos literarios como a triloxía Dragal da escritora Elena Gallego Abad, pensada para un público xuvenil, están a facer máis fáciles as cousas. Así o pensan nos institutos que participan este ano no Encontro Dragal, un xogo de rol que na súa segunda convocatoria ven de reunir ás portas de Santiago a preto de catrocentos rapaces de Monfero, A Coruña, Becerreá, Verín e Vilagarcía de Arousa.

Todos eles quedaron enredados nas historias que conta Gallego Abad, unha obra que tamén chamou a atención da Secretaría Xeral de Política Lingüística, que puxo en marcha esta actividade coa colaboración do Concello de Boqueixón. A elección deste espazo ten moito que ver coa mitoloxía galega do dragón, xa que a lenda xacobea di que antes de que o corpo do Apóstolo Santiago chegase a Compostela tivo que sortear os enganos da Raíña Lupa e do dragón que se agochaba no Pico Sacro.

Facer un xogo de rol con estes vimbios foi doado. E tendo en conta o éxito do Encontro Dragal, a receita resultou de gusto dos estudantes. Proba diso foi que as lecturas da triloxía no curso pasado deron os seus froitos, coa rapazada vestida con traxes medievais e unha reprodución en viñetas das historias do Dragal para que o xogo estivese ben ambientado.

Polos recunchos do Pico Sacro estaban agochados moitos cofres cheos de puntos de vida, necesarios para participar na competición e gañar bazas para a vitoria. Mentres cumprían co itinerario, os rapaces íanse atopando con personaxes da triloxía espallados por unha ruta programada por razóns de seguridade e de organización dos tempos.

A maxia dos recunchos do Pico Sacro e as gañas de pasalo ben nun moi bo día para desfrutar das vistas fixeron o resto ata chegar á hora do xantar, feito para axudar a confraternización dos xogadores a base de produtos típicos.

E lembrando as mensaxes de que o importante é participar, todos eles recolleron un diploma por ter xogado en equipo, mentres os organizadores seguían a contar os puntos de vida recollidos polos rapaces, deixando para os vindeiros días a incógnita de cal foi o colexio gañador.

O xogo de rol que onte encheu de vida o Pico Sacro é a parte final do Proxecto Dragal, un programa da Secretaría Xeral de Política Lingüística que mestura a mitoloxía galega, o uso das novas tecnoloxías e o fomento do galego con obras propias que resultan atractivas para a mocidade.

Este programa arrancou no 2014 en once centros de ensino, que se achegaron aos textos do Dragal durante todo o curso pasado con lecturas trimestrais e traballos de estudio da época histórica. Dos once, seis chegaron ata o xogo final. Mentras tanto, para reforzar o atractivo, nacía o colectivo dos dragaliños, toda una comunidade galega conectada e rede para xogar e traballar baixo a supervisión de 55 docentes coordinados polos equipos de Normalización Lingüística dos centros e pola Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Así, seu responsable, Valentín García, tamén se achegou ao Pico Sacro para intervir no peche do Encontro Dragal xunto coa propia Elena Gallego e co alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro, como anfitrión. García valorou o proxecto como unha mostra de «lecer alternativo» e Elena Gallego debateu cos mozos sobre a súa triloxía, da que asinou varios exemplares.

Comentarios pechados