Menu Xerais

«A lúa dos Everglades» de Xesús Manuel Marcos na mesa de noite de Marcos Calveiro

A lúa dos Everglades de Xesús Manuel Marcos, Premio Terra de Melide 2007

Marcos Calveiro recomenda a lectura da obra A lúa dos Everglades, escrita por Xesús Manuel Marcos e premiada en 2007 co Premio Terra de Melide. O autor de Setecentto atopou neste libro unha gran novela que, afastándose dos tópicos da manida literatura da emigración, retrata a vida de diferentes persoas máis aló da súa terra. “Son tres historias diferentes que no desenvolvemento do libro acaban por unirse. A primeira trata de tres emigrantes vellos que teñen unha panadería nun barrio de Bos Aires e aparecen mortos. A segunda fala dun funcionario en Madrid que quere ser escritor e que comeza unha amizade cun veciño seu. Por último, na terceira atopamos unha muller que foi agredida e que está na UCI en Miami”, explica Marcos Calveiro. Para este escritor, a obra de Xesús Manuel Marcos é un libro que paga a pena e que, quizais, non tivo a sorte que merecía nas librarías. “É unha gran novela e conta co premio Terras de Melide. Non obstante, cando se fixeron os resumos do ano coas mellores obras quedou fóra de todo iso. Pasou desapercibida e é un libro moi recomendable”, lamenta Marcos Calveiro. Aínda que cada un dos argumentos parecen estar distanciados tanto na súa trama como nos seus escenarios, as tres pezas están intimamente conectadas entre si. “Realmente é un quebracabezas e e no libro agóchase un segredo de familia. Todos sabemos que en cada casa hai, polo menos, un morto escondido debaixo da alfombra e neste caso cúmprese esa máxima”, sinala o autor da aplaudida Festina lente. Marcos Calveiro recomenda así unha obra que merece maior atención por parte dos lectores, xa que a súa calidade e a súa profundidade son excepcionais.

Texto publicado en Xornal de Galicia o 29 de maio de 2010.


Comentarios pechados