Menu Xerais

A mellor das tres: «Ofrenda á tormenta», de Dolores Redondo. Crítica de Rodríguez Alonso

Manuel Rodríguez Alonso publicou no seu blog, Bouvard e Pécuchet, unha recensión crítica sobre a novela Ofrenda á tormenta, de Dolores Redondo, o derradeiro volume da .

 

Remate da triloxía do Baztán

Con esta novela, péchase a triloxía do Baztán na liña do best-seller ben feito, como indicamos cando hai xa case dous anos comentabamos aquí o primeiro volume da serie, O gardián invisible. Como sinalabamos a propósito das dúas entregas anteriores, O gardián invisible e Legado nos ósos, o éxito da triloxía débese a que a autora manexa acertadamente os elementos que son necesarios para crear iso que Vila-San Juan denomina best-seller de calidade.

Indicabamos a propósito das dúas novelas anteriores da triloxía que a autora asimilou recursos que triunfan desde o éxito das novelas policiais nórdicas, especialmente de Os homes que non aman as mulleres, como que os feitos transcorran nunha localidade pequena e apracible ou no seo dunha familia respectada e coñecida na pequena comunidade. A socioloxía da literatura ensínanos que os principais consumidores deste tipo de novelas son mulleres. De aí a importancia que a muller toma nesta triloxía, xa non só no papel de protagonista, senón noutros, mesmo nos negativos, como acontece coa malvadísima figura da nai da protagonista. Non faltan tamén temas do gusto típico do best-seller como o das tradicións da bruxaría ou asimiladas do Baztán, mesturadas coas novas seitas dos setenta do pasado século tipo Charles Mason. Por faltar, ata non falta a aventura da muller de clase media e instruída que mantén unha aventura extramatrimonial.

De todos os xeitos, das tres novelas esta é a que nos gustou máis por varios motivos. En primeiro lugar algúns personaxes teñen un lado escuro, que o lector vai descubrindo pouco a pouco, na liña do típico best-seller, mais que os fai moi atractivos. É, por exemplo, o caso do xuíz Markina. Outros que parecen desprezables teñen agachado un lado positivo, como acontece con Flora, a irmá da protagonista. Ademais, nesta novela, o elemento marabilloso-supersticioso do Inguma aparece ben artellado coas teimas das seitas tipo Mason que se desenvolveron no remate dos sesenta e nos setenta do pasado século. Combina axeitadamente elementos cinematográficos policiais tipo CSI cos góticos de cemiterios e similares. Por non falar dos bebés desaparecidos, tan de actualidade na televisión nos últimos tempos. Así mesmo cobra especial relevo a figura do marido da protagonista, que é, nunha clara ruptura dos patróns patriarcais da tradición, quen máis se ocupa do fillo e mesmo realiza o seu traballo profesional na casa. Ao revés do que acontece tradicionalmente, a que deixa o fillo polo traballo é a muller e non o home, que asume o seu coidado sen ningún tipo de protesta. No mesmo caso está o tratamento da homosexualidade e como asumen os pais do policía asasinado a condición homosexual do fillo.  Xa dixemos a propósito da primeira novela da triloxía que estas novelas policiais están a espallar novas formas de comportamentos sociais-familiares, que, en casos coma este, son dignos de gabanza. Xa sinalamos tamén, a propósito das anteriores novelas da triloxía, como os críticos tradicionalistas de medios como libertaddigital rexeitan estas novelas por eses atentados, segundo eles, sibilinos á moral tradicional.

Resulta moi acaído o desenlace, tremendamente plástico e cinematográfico, con esa nai da protagonista, malvadísima e tola, que non dá morto e que rexorde das súas cinzas cal Ave Fénix. Neste caso parece un monstro que emerxe das augas para volver facer o mal. Tampouco está nada mal empregado o recurso que poderiamos chamar anagnórese familiar do xuíz Markina, que se produce cara ao desenlace. Isto, como a maternidade de Flora, entra no terreo do folletín, pero son recursos que seguen a engaiolar o lector, especialmente se estamos a falar dun best-seller.

A tradución, en canto ao respecto polo estándar, tamén mellora as anteriores e transcorre polos camiños dunha corrección habitual. Non obstante, advertimos algúns erros que comentamos a seguir. (…) Por outra banda, estes fallos ben se poderían subsanar se as editoriais contasen con correctores profesionais.

Volvendo ao rego, remata con esta novela a denominada Triloxía do Baztán. Bo remate, pois coidamos que esta é a mellor das tres novelas. Parabéns ademais porque esta tradución permite que leamos na lingua de noso unha novela que nestas datas do Nadal está a ser un éxito de vendas en toda España.

Manuel Rodríguez Alonso

Comentarios pechados