Menu Xerais

Crúa poesía da desesperanza, da indefensión e das derrotas: «A crueldade de abril», crítica de Francisco Martínez Bouzas

Francisco Martínez Bouzas publicou nos xornais La Opinión Faro de Vigo unha recensión crítica sobre A crueldade de abril, de Diego Ameixeiras, que tamén se pode ler no blog Novenoites.

 

 

Acertada peza narrativa, cobizadas predadoras, vidas derrotadas

Se Baixo mínimos (2004) supuxo a presentación literaria para o lectorado galego de Diego Ameixeiras, e tamén do detective Horacio Dopico, protagonista de varias novelas do escritor nado en Lausanne -hai outro sabuxo, Alberte Cudeiro, que pescuda na súa novela Asasinato no Consello Nacional (2010)-, A crueldade de abril,a súa máis recente achega, profunda no tema do mal, un subxénero relacionado coa novela negra, mais baixo outra óptica: o mal gravitando en todos os tecidos da sociedade. É a negrura que forma parte da realidade actual, que xera historias verbo da marxinalidade e sobre a dobrez que levamos dentro. Xa que logo, unha novela sobre a crueldade, como xa se nos advirte no rótulo do libro e que supera sobradamente a literatura detectivesca ou de resolución de enigmas.

A novela, estruturada en tres partes (O amor, A vinganza, O odio), bota a andar coa presentación dos sen teito e cunha breve referencia as súas existencias pasada: Elvira, Fara, O Cata, O Negro. Seres cuxo mundo é un bosque nas tebras, asombrados polo peso das súas nostalxias, que pensan que son unha anomalía, paseadores da tristeza e cun cartón de viño como único consolo. Salientable, sobre todo, o retrato do personaxe feminino, a muller de vinte anos e cuxo desexo de morrer xa lle ven de antigo. Todos eles dormen ou amparan o seu desacougo no Casino, unha casa abandonada. De súpeto, as chamas arrasan coa casa, debido á cobiza predadora.

Dous cadáveres calcinados: o dunha muller e o dun home. Un salto no tempo de varios anos, e un irmán de Elvira ponse a investigar o incendio que semella non concordar coa versión oficial. E a vinganza que pretende descubrir especialmente quen era o home invisible dos tres que mallaron nos que se refuxiaban na casa abandonada e fixeron que ardese, e por que o fixeron, por que montaron a cacería dos sen teito, cuxa morte non conmovera a vinguen.

Malia que Diego Ameixeiras non abandona querenzas detectivescas -neste caso, porén, non se trata dun sabuxo profesional- o enfoque e o  punto de vista son outros: retratar o que somos, o mal, a perversidade humana, pór ao día a cruel demencia da natureza humana; o principio e o horizonte da demencia furiosa da especie, a irrupción da desorde, a ubris, o desenfreo criminal e depredador que en cada momento da Historia sabe adaptarse as súas circunstancias. A embute nas sociedades contemporáneas. E á par, un percorrido polos vieiros daquelas vidas feridas, estragadas, derreadas; as do mundo marxinal e as de aqueles que o habitan fartos e cansados de vivir.

Velaquí, pois logo,  a razón de que esta novela breve entre con xustiza na nómina, non da novela-enigma, senón na da novela negra que ten como principal obxectivo o retrato crítico da sociedade.   O modo narrativo que emprega Diego Ameixeiras, estéase en capítulos curtos que avivecen o ritmo narrativo, na vontade de nos achegar un galego coloquial, urbano, ateigado de fraseoloxía e xiros da fala corrente. Con saltos no tempo que non supoñen ningún atranco para a lectura, espazos baleiros para que o lector poida construír a súa versión desta historia do mal e do amor murado polo lume. Poesía da crueldade, como se ten escrito, crúa poesía da desesperanza, da indefensión e de derrotas. Por todo isto, A crueldade de abril, malia a súa brevidade, é, na miña estima, a mellor peza narrativa das que  Diego Ameixeiras  leva escrito ata agora.

Francisco Martínez Bouzas

 

Comentarios pechados