Menu Xerais

A novela «Non hai outro camiño», de Isaac Xubín, Premio da Crítica Española

O escritor Isaac Xubín foi galardoado esta fin de semana co Premio da Crítica española, na categoría de lingua galega, pola súa novela Non hai outro camiño, unha novela definida pola crítica con calificativos como «orixinal», «sorprendente», «intensa», «desacougante» ou «incisiva». O fallo deuno a coñecer o sábado a Asociación Española de Críticos Literarios, e na categoría de poesía en lingua galega foi premiada a escritora Eva Veiga.

A novela Non hai outro camiño conta a historia de Staro Selo, unha urbe ao pé do mar na que os seus habitantes teiman, a forza de sobrevivir, por tecer unhas estrañas relacións que son as que, finalmente, acaban por dar carácter a unha cidade que semella querer pasar anónima a forza de autoridade, asfalto e chuvia. A Radoslav non lle queda máis remedio que gorecerse da chuvia nunha vella taberna fronte á entrada principal do porto, cando unha intensa bátega de auga o sorprende á saída do traballo. Nevenka Teodosic, a contumaz profesora de linguas románicas que agarda a inminente saída do cárcere de Goran, contempla as luces de neon sobre as pozas de auga no asfalto da cidade durante a viaxe en autobús á casa. Aspasia comeza a afacerse ás consecuencias neurolóxicas da enfermidade e, malia a adversidade, non evita sentirse feliz, coma Anja, a moza que non sabe se quere ser poeta, mecánica ou bióloga.

 

 

 

 

Comentarios pechados