Menu Xerais

A novela «Ten o seu punto a fresca rosa», de María Xosé Queizán, no Club de Lectura LGTB Queeruña

O Club de Lectura LGTB Queeruña realiza a súa sesión do mes de decembro en torno á novela Ten o seu punto a fresca rosa, de María Xosé Queizán

 

Unha novela fresquísima para decembro

Como imos, queeruñxs? Seguro que moitxs case rematando a nosa vindeira lectura, Ten o seu punto a fresca rosa. As páxinas da novela pasan sen darnos conta con este trepidanterelato ambientado no Vigo dos anos oitenta, cunha maxistral descrición dos espazos e as paisaxes.

Esta novela, antepenúltima das publicadas pola autora, fía as vidas de tres mulleres e do seu universo próximo, no que ningunha personaxe secundaria resulta accesoria. En canto ás protagonistas, Queizán foi quen de representar personalidades de distintas idades, condicións socioeconómicas e de diversas sexualidades, das que mesmo co libro xa pechado poderíamos considerar os pareceres delas respecto a case calquera tema. Tal é a maxistral labor de María Xosé Queizán na elaboración da psicoloxía de cada voz que rexistra na súa obra.

Xa faláramos no post anterior do interese de Queizán en deixar pegada de cuestións de xénero e do feminismo na súa obraTen o seu punto a fresca rosa pode ser a meirande mostra destes aspectos, pois as protagonistas poñen enriba da mesa a maternidade, o autodescubrimento do corpo, a sexualidade e a liberación da muller nos anos oitenta. Temas, todos eles, que desde esa visión en retrospectiva aínda teñen vixencia. Aínda a día de hoxe presentan diversos enfoques que de seguro trataremos no encontro do mércores 20 de decembro.

Non queremos adiantar moito máis da obra, que os spoilers saen a nadiña! A poucas páxinas estamos abrindo desenlaces das tramas amosadas por Queizán… Así que teredes que agardar a que na vindeira semana compartamos unha proposta de temas para debatir e poñer en común esta novela que parece que nos está engaiolando a todxs! Chiámonos no Twitter?

Ten o seu punto María Xosé Queizán

Boas, queeruñxs! Xa estamos coa nosa terceira lectura do curso, Ten o seu punto a fresca rosa, de María Xosé Queizán, viguesa do 39 e catedrática de Lingua e Literatura Galega. Hoxe imos falar da autora, unha das escritoras contemporáneas máis relevantes das letras galegas en case todos os xéneros literarias: novela, ensaio -de marcado carácter feminista-, poesía, teatro e cinema. Ademais, é columnista habitual de medios coma Praza Pública.

Entre os recoñecementos que obtivo na súa carreira, recibiu o Premio da Xunta de Galicia polo guión de cinema Prisciliano e quedou coma finalista do Premio Álvaro Cunqueiro pola obra teatral Antígona ou a forza do sangue. E falando de recoñecementos, en 2011 rexeitou entrar na Academia Galega da Lingua “por predominar o imaxinario masculino”.

Preocupada pola equidade de xénero, a maternidade, o mito do amor romántico e a visión androcéntrica na sociedade, Queizán participou activamente na discusión destas cuestións como codirectora do grupo teatral Feministas Independentes Galegas (FIGA) e como promotora da revista A festa da palabra silenciada.

Estas inquedanzas atópanse naturalmente reflectidas na súa obra, como xa estamos a comprobar na novela que temos entre mans -antepenúltimo libro en prosa da súa carreira ata o momento, por certo-. Desde logo, o papel da muller na sociedade e, sobre todo, unha revolucionaria visión da sexualidade nas nosas letras -especialmente no tratamento do lesbianismo e mesmo da transexualidade- serán puntos chave que tratemos no debate do vindeiro 20 de decembro. Será unha boa ocasión para debatir a relevancia dunha autora que de seguro moitxs temos estudado no currículo escolar.

Na vindeira semana, festivos mediantes, publicaremos un artigo sobre o contexto -e o porqué do título- de Ten o seu punto a fresca rosa, para, unha semana antes do encontro, publicar a nosa proposta de temas de cara ó debate -e cañas posteriores- do 20 de decembro. Lembra que podes seguir novidades de cultura LGTB no noso Twitter, onde xa estamos compartindo información sobre as representacións teatrais de temática LGTB que terán lugar nestes días na Queeruña. Vémonos na rede e nos teatros!

E terá o seu punto a fresca rosa?

Boas, queeruñxs! Só falla unha semaniña e un día para o noso último encontro de 2017 para poñer en común a terceira lectura do curso: Ten o seu punto a fresca rosa, de María Xosé Queizán.Nestas semanas estivemos falando da autora e da novela, e agora toca propoñer unha serie de cuestións para fiar o noso debate do mes.Tras o encontro do 20 de decembro ás 19h -e posterior caña de Nadal e bos desexos de comezo de ano- contaremos coa presenza da rapazada que leva o fanzine centrado en transexualidade Fight The Cis-Tem. Virán a coñecernos, falar do seu fanzine e compartir a súa visión de cara a nosa vindeira lectura: El bebé verde.

  • Cantas protagonistas considerades que hai na obra? Maria Xosé Queizán preséntanos a tres, pero, non semella que hai máis mulleres con moita voz propia na novela?
  • Cal é a visión do lesbianismo que tiramos? Pensades que é singular o tratamento da afectividade entre mulleres nesta novela, especialmente dentro da literatura galega?
  • Que visión dos corpos,especialmente os femininos, nos achega Queizán?
  • Como valorades os ideais de relación reflectidos na novela? Hai romances homosexuais e heterosexuais con altas doses de toxicidade…
  • Mudaron algo as preocupacións sobre sexualidade, normas sociais ou visibilidade desde os anos oitenta -nos que está ambientada a novela- ata o día de hoxe?

Estas e outras preguntas terán contestacións diversas e enriquecedoras nuns días. Vémonos nas redes e na biblioteca do Ágora en oito días!

Deixa un comentario!