Menu Xerais

A perda de falantes e lectores, o gran reto da edición en galego. Noticia no «Galicia Confidencial»

O xornal Galicia Confidencial publicou unha noticia asinada por Moncho Mariño sobre a edición de títulos en galego, con declaracións de Fran Alonso, director de Xerais

 

A perda de falantes e lectores, o gran reto da edición en galego

A edición de títulos en galego, en calquera xénero, sempre é arriscado pola situación de baixo consumo de obras na nosa lingua. Mais algúns arríscanse e abren novos selos editoriais para cubriren espazos aínda baleiros. Outras editoriais buscan modelos diferentes aos tradicionais, mentres que a maioría consideran moi insuficiente o apoio das autoridades galegas á creación literaria e ensaística en galego.

A pasada edición da Feira da Cultura Galega, Culturgal, contou coa presenza das grandes e pequenas editoras que traballan en galego a día de hoxe. Iso contando con que o número de falantes e lectores potenciais descendeu en dez anos, a crise económica aínda paira sobre o sector e a rede de librarías galegas non está nun bo momento. Por iso é bo ter unha visión de conxunto, aínda que sexa rapidamente, sobre o estado da edición en galego.

Crise económica e crise de lectores

A crise de 2008 deixou unha pegada moi importante no libro en galego. A día de hoxe seguen sentíndose as consecuencias da recesión como apunta Fran Alonso, director de Xerais. “É algo complexo de contestar, mais si é certo que non estamos nas mesmas cifras que hai 15 anos, ademais de que o mundo editorial cambiou moito neste tempo”. Os cambios que apunta Alonso son as tiradas máis baixas e que o libro en galego é máis difícil de visibilizar. “O ambiente sociopolítico para o noso idioma non é moi propicio, vivimos tempos complexos e que a cultura galega está máis posta en cuestión que antes de 2008”.

Belén López, de Baía Edicións, cre que a crise económica aínda segue pairando sobre o mundo editorial en galego con todo, “algo recuperou”, ademais de sinalar tamén o descenso de galegofalantes. “Non houbo polo de agora unhas políticas lingüísticas públicas de apoio ao galego e tampouco hai políticas públicas de apoio ao libro en galego”. López sinala como un punto de inflexión o decreto do plurilingüísmo de 2010 que “significou unha caída en falantes ademais de que descolgou moitos nenos da nosa lingua”.

As condicións económicas e sociais non botaron para atrás a algúns empresarios que apostaron en firme por proxectos distintos. Tal é o caso da editora Catroventos, especializada en ensaio sobre todo en cuestións de economía e dereitos humanos entre outros. “Isto limita o público obxectivo, sen dúbida, mais cando naceu fixémolo pensando en que non había ensaio sobre estas temáticas” di Miguel Braña, responsable de Catroventos. Mais tamén apunta entre as principais eivas, ademais da crise, a redución das axudas ao libro e á cultura en galego e tamén o descenso de falantes.

Preguntadas sobre como se puido saír adiante durante os anos máis fortes de crise, algunhas das editoras consolidadas no mercado fixeron análise de mercado para aplicaren novas fórmulas ou fortalecer algunhas que xa se aplicaban. “Somos máis selectivos cos proxectos, para ben ou para mal, porque hai certas publicacións que antes estimabamos interesantes e agora non as facemos e tamén optimizar os procesos” di Belén López.

Todo isto non quitou a necesidade de vender un número mínimo de exemplares para facer rendible un libro. Outras cuestións como a impresión ou o prezo do papel tamén teñen os seus custes, mais segundo os profesionais da edición non son os máis onerosos para pór en circulación un título. O número mínimo de vendas é variable segundo ese título, pois está relacionado directamente co custe de facer os exemplares. Algúns libros mesmo non recuperan o investimento feito neles “porque o mercado non asume o prezo que habería que poñerlle” como sinala López.

“Debemos ter en conta que hai unha grande debilidade do tecido de librarías e iso inflúe de maneira moi clara, pois padecen a  nova situación do libro en xeral” sinala Fran Alonso. “Primeiro pola depreciación social do libro educativo, hai un deterioro debido a outras fórmulas para a adquisición deste tipo de libro” sinala Alonso quen ademais engade a escasa vilibilidade que ten o libro en galego nos medios e menos librarías con libro en galego nos andeis.

A debilidade da rede de librarías tamén é asumida polo Consorcio Editorial Galego. A súa política de distribución é baixo pedido e tamén promoción do libro en galego en puntos pequenos de venda. Todos os puntos de venda de Galicia, sinalan desde o Consorcio, incluíndo as librarías en lugares pequenas, son interesantes para o Consorcio. “Non mandamos ao chou, traballamos cada libraría, con elas os títulos que máis demanda están tendo no seu ámbito”.

Xéneros, hábitos e novas tecnoloxías

Houbo tamén un descenso dos e das profesionais que se adican á edición? “O mundo da cultura en xeral si acusa unha baixada no número de traballadores, si percibo a fraxilidade do sector con respecto a 2008” di Fran Alonso que engade “puidemos ver no pasado Culturgal como apareceron pequenas editoras que esperemos que sexan capaces de asentarse”, aínda que hoxe por hoxe a capacidade de manobra é pequena.

“O xénero máis consumido é narrativa, quizais o ámbito infantil e xuvenil resistiu mellor a crise probablemente porque hai un factor psicolóxico que fai que o aforro se aplique sobre adultos e non sobre pequenos” di Fran Alonso. Sobre os hábitos de lectura Alonso declara que “dentro do 56% de persoas que le habitualmente en Galicia só o 3.5% o fai en galego, o que demostra un claro desnivel”. Aínda así, a lectura para Alonso converteuse nunha ferramenta imprescindible que tamén se pode realizar mediante os novos soportes dixitais.

Os cambios tecnolóxicos sobre os hábitos de consumo influíron tamén no consumo do libro “tanto para ben como para mal, porque agora facemos tiradas máis pequenas e iso para nós é unha vantaxe para reeditar e para libros con público máis pequeno” sinala Alonso.

Non obstante, Belén López sinala que “as pantallas están substituindo os libros, e non as pantallas para ler libros, senón as pantallas sen máis, están ocupando moito tempo á sociedade”. Preguntada sobre como podería incrementarse o número de lectores en galego “creo que a Xunta o mesmo que fixo campañas para o comercio ou para os coches, non vexo campañas semellantes para o libro en galego e lectura en galego”.

Deixa un comentario!