Menu Xerais

A perda que se anoa co amor e a morte: «Raíz da fenda», de Berta Dávila. Crítica de Ramón Nicolás

Ramón Nicolás publicou en Caderno da crítica unha recensión sobre o poemario Raíz da fenda de Berta Dávila (XV Premio de Poesía Johán Carballeira do Concello de Bueu).

 

Raíz da fenda, de Berta Dávila

Requiríralle unha colaboración a Berta Dávila para a sección «manuscritos» desta bitácora e hai pouco tempo tivera a xentileza de me remitir uns autógrafos e unhas fotografías, alén dunhas reflexións persoais sobre o proceso de escrita. Todo este material tiña que ver, xustamente, coa xestación e estrutura do poemario Raíz da fenda, libro premiado na XV convocatoria do Premio Johan Carballeira do Concello de Bueu, naquela altura en proceso de edición. Pois ben, pasado o tempo o libro apareceu xa editado por Xerais -gozará mañá da súa primeira presentación  na libraría compostelá Lila de Lilith- e teño para min que confirma rotundamente como a andaina creativa da autora vai afortalándose aos poucos, gañando en profundidade e precisión.

     Raíz da fenda, prologado luminosamente por Marilar Aleixandre,  accede aos dominios da causa última da dor, da perda ou ausencia facendo uso dunha armazón que convida a entrar das dimensións da quebra do entorno máis próximo,  anoándose coas vivencias da morte, a enfermidade, a traizón ou o desamor e as súas consecuencias.

    Como escribe Dávila, como lembra Aleixandre no seu limiar, os versos do poemario graváronse cunha pluma esgallada…, un gume que son dous, co que se escribe e reescribe con tensión. Esta escrita, esta re-escrita vén ao fío dunha convocatoria operativa para apelar ás fendas ou fírgoas, como aquelas que empregaba o poeta trivés Acuña a través das que reelaboraba, desde o esencialismo, a realidade. O proceso é máis ou menos semellante, o filtro que aplica Dávila, non tan visionario e de índole máis íntima e talvez reveladora, asómase aos motivos, en definitiva, do amor e da morte.  O poemario habítano persoas, obxectos,  experiencias, a infancia -esa «substancia opaca» evocada- e  sentimentos…, todos eles emiten signos que a voz lírica recolle e interpreta para, en ocasións, verificar cicatrices, cauterizar feridas ou mesmo para que «a luz se faga» a través da palabra pois é aí onde radica -que vén de raíz- a verdade e a emoción das fisuras: na súa propia, intransferible e intensa revelación.

Ramón Nicolás

Deixa un comentario!