Menu Xerais

A poesía como ferramenta para traballar a lingua, a imaxe, o espírito crítico, a rebelión: «Street Poems», de Fran Alonso. Crítica en Brabádegos

O blog de literatura infantil Brabádegos publicou unha recensión crítica sobre Street Poems, de Fran Alonso.

O verso do graffiti ten a beleza sorprendente e salvaxe dun elefante que nunca se deixa dominar

Ás veces aparecen libros que son ferramentas moi útiles para a dignificación da lingua, obras especiais que nos amosan o cotiá, o atractivo do cotiá, como ferramenta normalizadora que podemos empregar. Seguramente hoxe, nesta minirrecensión quedaremos curtas, do moito que desta obra se pode extraer. Fran Alonso co seu Street poems, editado por Xerais na colección Sopa de Libros, volve engaiolarnos, coa súa concepción lírica volve dignificar a poesía como ferramenta para traballar a lingua, a imaxe, o espírito crítico, a rebelión. Trátase dun libro de poemas que nos fai conectar coa realidade, coa rúa e que nos inspira, que nos fai gozar a través de cada unha das letras e de cada un dos personaxes que ocupan paredes próximas galegas como a da portada, en Bouzas.

O Street Art, ese movemento que usa a imaxe como manifesto de liberdade de expresión nas rúas, convértese en Street poems, que produce unha forte sacudida  en nós e na que a linguaxe poética, a imaxe, se usa a través da imaxinación. O dominio da linguaxe, directa e en conexión coa mocidade, axita esa tan necesaria capacidade de subversión da mocidade, esa que nunca debemos esquecer. O espírito crítico está presente en textos que nos fan reflexionar sobre a brevidade do tempo e a súa fugacidade, o tempus fugit (Na miña casa habita Tamara de Lempicka); sobre a diferenza que nos fai únicos (Esta ferída que vedes no meu rostro…); sobre a lingua; sobre a terra e a existencia; sobre a súa concepción da cidade (moi presente noutras obras do autor) ou sobre a mesma revolución que implica ser poeta e a poesía.

É un libro que dialóga directamente cun lector xuvenil desde a rebeldía e o inconformismo e que potencia o espírito crítico das palabras e dos seus significados. Nel hai tamén un diálogo de autor que fai referencia a outras das súas obras como O meu gato é un poeta ou Cidades, xogando tamén coa disposición da palabra dentro do verso (caligramas). É unha axitación artística (Todos somos Bansky) renovadora que no souto cremos que se amosa como ferramenta indispensable para traballarmos nas aulas, coa mocidade, para empregala coma reivindicación da palabra en galego e para ir máis aló do libro nunha aposta clara pola modernización do discurso. Podemos conxugar actividades que vaian máis aló empregando iso, a imaxe, esas imaxes que están aí, ao noso dispor, como modelo de coñecemento dunha realidade crítica que amosar, que subverter, na que primen os valores que achega este libro, entre o medio das palabras e das imaxes.

Na súa parte final a obra achega cada unha das localizacións e dos seus autores.

No souto cremos nos libros que sacoden a alma, que van máis aló e nos conectan a través da poesía coa mocidade. Moita faltiña fai que falen a nosa lingua, que axiten a nosa palabra.

Romina Bal

Deixa un comentario!