Menu Xerais

A poesía como un elemento de liberdade, que escorrega entre os dedos e que é inconformista: «Street Poems», de Fran Alonso. Crítica de David González no blog «Palabra de Gatsby»

O blog Palabra de Gatsby publicou unha recensión de David González Domínguez sobre o libro de poemas Street Poems, de Fran Alonso.

Recensión: Fran Alonso, «Street Poems»

Volve un dos grandes referentes en poesía infantil da nosa literatura cun libro tan peculiar como “gamberro” no que os xogos entre poesía e artes plásticas abundan e sinalan unha nova dirección posible para o futuro da poesía. Un libro moi dinámico que propón moitos tipos de lectura e intercambia formatos a vontade do autor.

En Street Poems as composicións pictórico-poéticas teñen moito de working progress e de traballo en cadea. Fran Alonso presenta a obra dos artistas da street art como inacabada, ou máis ben ampliable, e a poesía como un elemento de liberdade, que se escorre entre os dedos e que é inconformista. “Un globo” que ten vontade propia e que busca voar lonxe dos límites. A arte como liberdade absoluta.

Coido que os rapaces atoparán neste libro, que a priori poderá parecer extravagante, unha forma de achegarse a poesía dende outras manifestacións artísticas propias da súa xeración. Con isto teño por intención que este non é un poemario ilustrado, senón que este libro constrúese mediante a combinación de elementos plásticos e literarios. Os propios lectores poderán ampliar este “xogo artístico” de forma ilimitada introducindo novos elementos. A poesía  de Fran Alonso convida a iso.

Creo interesante sinalar que todas as obras teñen sinalados os seus dereitos de autoría e referencias a onde poder atopalas. Para moitos estes “actos vandálicos” dos grafiteiros non son expresións artísticas e penso que acreditar os creadores axuda moito a que os lectores máis novos valoren o contido artístico do seu traballo. Tamén esa xeolocalización permite tecer un mapa literario-urbano de cada unha das cidades que teñen representación neste libro.

En resumo, Fran Alonso volve cun libro de poemas que busca achegarse ó público infantil mediante a busca de novos referentes e linguaxes poéticas que fagan do consumo da poesía un xogo, unha experiencia dinámica e, como non, un globo.

David González Domínguez

Comentarios pechados