Menu Xerais

«A poesía de Celso Emilio parece unha profecía do que ocorre hoxe»: Entrevista con Ramón Nicolás sobre «Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro», a biografía do poeta de Celanova

 La Voz de Galicia publica hoxe unha entrevista de Camilo Franco con Ramón Nicolás sobre Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro, a biografía de Celso Emilio Ferreiro que Xerais poñerá nas librerías a finais da próxima semana.

 

«Celso Emilio Ferreiro é, indubidablemente, un herdeiro do galeguismo do grupo Nós»

Celso Emilio Ferreiro xa ten unha biografía que o escriba. Edicións Xerais publica nos vindeiros días Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro, unha narración de Ramón Nicolás sobre o poeta. O suplemento Culturas ofrecerá mañá dous capítulos adiantados deste libro.

—¿Como cre que cambiou a perspectiva sobre o escritor neste ano?

—Malia que sería preciso gozar de maior perspectiva, cando menos estes oito meses transcorridos do centenario supuxeron unha inequívoca reactivación do Celso Emilio poeta, subliñando o feito de que a súa voz pertence a iso que se denominan «clásicos». Este ano permitiu redescubrir esoutros perfís que atesoura: un narrador de primeira liña, un extraordinario columnista, un político comprometido con Galicia e o seu futuro.

 

—¿Que puntos de vista pode cambiar a súa biografía?

—Sobresae o labor titánico de organización dentro das mocidades do nacionalismo galego na época da segunda república, o labor poético creativo que seguiu realizando na guerra civil –aínda pouco coñecido-, como nuclea o galeguismo cultural resistente na Pontevedra dos anos corenta, como foi a súa actividade política clandestina nos anos sesenta e setenta, cal é a evolución das valoracións que os seus contemporáneos fan da súa obra poética ou como se proxecta a súa poesía a través de diversos movementos musicais.

 

—¿Que lle sorprendeu máis na investigación da vida do poeta?

—No lado humano, o elemento no que coinciden as máis das persoas que entrevistei: o seu carácter en primeira instancia tímido, mais tamén afable, aberto, extraordinariamente vitalista, cheo de simpatía e de enxeño -que neste caso adxectivarei como celanovés ou ourensán-, se cadra por acreditar que o seu perfil persoal distaba de ser así. Celso Emilio resulta, indubidablemente, herdeiro dese espírito dun galeguismo do grupo Nós.

—Estamos asistindo a unha recuperación da valoración de Ferreiro como poeta. ¿Axudan os malos tempos?

—É probable. O seu discurso literario é contemporáneo nas formas e nos contidos. Esa innegable vea reivindicativa que agroma aquí e acolá na súa obra resulta case unha profecía… Un dos poemas que estou moi contento de rescatar este ano titúlase O atraco, que comeza dicindo «Maus arriba e boa abaixo o pobo».

Deixa un comentario!