Menu Xerais

A problemática dos adolescentes en «O corazón de Xúpiter», de Ledicia Costas. Crítica de Xosé Manuel Eyré

Xosé Manuel Eyré publicou en Galicia Confidencial unha recensión crítica sobre O corazón de Xúpiter, de Ledicia Costas.

 

O corazón de Xúpiter

 

Entre Deus e as estrelas, dúas historias para non perder

Son historias de mozos e de nenos para adultos. Crenzas relixiosas, homosexualidade, a perda de seres queridos, a inmigración, o acoso escolar, as incomprensións entre pais e fillos, as drogas, a marxinación social ou a morte son algúns dos temas que trantan Pere Tobaruela e Ledicia Costas en ‘Eu son Deus e outros contos’ e ‘O corazón de Xúpiter‘, respectivamente. Crítica de Xosé Manuel Eyré.

O que cómpre, agora, é que cada vez quede menos xente que desvincule a lectura do mundo en que vive.” Así rematabamos a crónica libresca da semana pasada ( “ O aviso do gran tiburón branco”) nestas páxinas do Galicia Confidencial. E así queremos comezar esta nova achega na difusión crítica da literatura de nós. Pois parécenos estupidamente paradoxal que o proceso máis complexo que os humanos realizan  no día a día…resulte marxinado ao abeiro de actos paralelos ou tanxenciais á vida e non sexa tido en conta como central vértice desde o cal construíla.

Tal marxinación á tanxencialidade adoita ser ben temperá, xusto desde o intre en que os pais abandonan a tutela guiadora das lecturas dos fillos, xusto o momento en que os pais comezan a descoñecer os seus propios fillos ao renunciar ao coñecemento do seu mundo interior desde proximidade, coñecemento presiosamente posíbel desde a asistencia ao proceso  constructor da personalidade que ten lugar través da asimilación de información nova e as súas repercusións no lector. Máis grave que isto, ou tan grave como isto, só unha cousa: que a lectura non sexa o  eixo fulcral na apredizaxe, no sistema educativo, pois adoita pasar a segundo plano desde o momento en que o alumno gaña idependencia lectora, ficando a súa experiencia lectora como terreo ermo e virxe sobre o que non se opera control, control entendido como supervisión da superación dos diferentes niveis lectores cos que se vaia atopando.
Os dous títulos que hoxe comentamos permiten un seguimento lector case consecutivo, á vez de constituíren lecturas productivas a ollos adultos.
(…)
Pola súa banda Ledicia Costas preséntanos unha historia que quere ser eco da realidade. O Corazón de Xúpiter é o que se chama unha novela de instituto, e achéganos, desde a ficción, certas problemáticas que os adolescentes viven a diario. Así, a conformación de grupos entre estudantes ( e as súas motivacións), o acoso escolar, as incomprensións entre pais e fillos, as drogas, a marxinación social, ou morte son algúns dos temas que a autora sabe enfiar nesta historia, con toda naturalidade e sen ningún forzamento. Con toda naturalidade e sen ningún forzamento axiña fica o lector atrapado no desenvolvemento dunha trama onde as personaxes está moi ben deseñadas e configuradas. De xeito que a conflitividade chega de por si, sen ningún efectismo. Sen ningún efectismo e sen pretender, malia todo, ser novela politicamente correcta. De aí que tampouco aforre problemáticas espiñentas, como a da homosexualidade. Neste clima temático é onde ten que convivir a esperanza, a esperanza no amor e a maxia que os envolve, a esperanza que ten que manifestarse a pesar da crúa realidade, a esperanza e a maxia que a protagonista procura entre as estrelas ( de xeito que dá entrada á temática mitolóxica ) a través do ceo, ou a través da internética rede e os seus ilusionantes e esvaradíos camiños ( internet, tantas veces ligada á fantasía).
Dirán algúns adultos que nada novo baixo o sol, quizá. Mais o certo é que a novela de Ledicia Costas constitúe impagábel ocasión para achegarse á vida dos adolescentes, para achegarse á problemática que viven cando saen da casa e para ollar a problemática doméstica ou familiar desde outros ollos, obtendo así unha perspectiva máis competa desde a cal entender a vida dos adolescentes.
Entre eles, entre os lectores adolescentes, de seguro vai ser un título moi lido e comentado, a pesar de incluír temas, como a homosexualidade, que poden botar atrás o profesorado á hora de recomendar a súa lectura. Mais, cremos, tampouco debería ser este un obstáculo insalvábel. A esas idades xa o mozos e mozas len por iniciativa propia, e títulos que os pais case nunca coñecen e nin moito menos saben se serán axeitados para aconformación da personalidade dos seus fillos. De xeito  que abondará que se lles dea noticia da súa existencia comentando algúns aspectos temáticos, despois o resto virá en por si.
E, digámolo ben clariño, ningún pai debería deixar de ler esta novela. Alén de que, estamos seguros, ningún pai que a lea deixará de aconsellala.

Comentarios pechados