Menu Xerais

«A prosa de Fernández Naval soa a poesía» por José Manuel Estévez-Saá

Cando se di dun escritor que a súa narrativa soa como a poesía está a darse a entender, desde un punto de vista metafórico, que a súa produción literaria reúne unha serie de características que a fan atractiva ao lector, como a precisión na linguaxe, a sonoridade da mesma, a mestría na caracterización dos personaxes ou a brillantez á hora de construír as situacións dramáticas. Todos estes trazos distintivos definen a esencia de Para seguir bailando, unha colección de dez marabillosos relatos escritos por Francisco X. Fernández Naval (Ourense, 1956). Isto non nos sorprende, especialmente tendo en conta que este creador, ademais de narrador, é tamén un reputado poeta. Quizá sexa por iso que a pericia e sensibilidade coa que elabora as súas composicións poéticas necesariamente terminen afectando asemade á súa prosa. A través dos relatos que compoñen o libro, Fernández Naval convídanos a percorrer o noso pasado recente. Son historias cotiás, as nosas historias de alegrías e penas, de amizade e soidade. Todas elas se engarzan en espazos comúns, puntos xeográficos de todos coñecidos, e que son testemuñas tamén do transcorrer dun tempo que, como a nós, aféctalles e os transforma. Son historias tamén reais, e por iso cóidase o autor de non falar en abstracto senón de dar nome e significado a cada un dos personaxes que o habitan, facendo que nos resulten máis familiares.

O mesmo sucede cos espazos. Se, por exemplo, o relato sitúase en Ourense, zonas como As Lagoas, as beiras do Miño, Oira, A Rabaza, A Ponte ou A Peroxa fanse ouvir. Tamén hai espazo no libro para a reflexión sobre ética ou relixión; e Aristóteles, Wittgenstein, Bertrand Russell, Shopenhauer ou Santo Tomás de Aquino déixanse acompañar polo son de fondo dun Mesías de Haendel ou unhas cantatas de Bach. Pero o libro representa, sobre todo, unha mirada ao ser humano en toda a súa esencia. Quizá por iso estuda con delicadeza ao home e á muller na súa faceta non só social senón tamén familiar; e describe como a tenrura se pode transformar en violencia até irromper na familia truncando soños e creando outros. A realidade cotiá máis próxima ao lector é a fonte de inspiración dun Fernández Naval que non dubida á hora de escribir sobre o propio proceso creativo, sobre a experiencia da emigración e o éxodo rural, ou sobre o modo en que a honradez de institucións e organizacións é ás veces desestabilizada pola sutil ameaza da corrupción. Estamos fronte a un autor cuxa vida e obra representan un compromiso co patrimonio cultural de Galicia, e que foi galardoado con premios de narrativa como o Xerais de Novela, e de poesía como o Cidade de Ourense ou o Fiz Vergara Vilariño, que recibiu hai pouco.

Texto de José Manuel Estévez Saá, publicado en El Correo Gallego o 1 de xullo de 2010.

Comentarios pechados