Menu Xerais

A prosa labrada de Xavier Queipo. Crítica de Armando Requeixo sobre «Extramunde», Premio Xerais 2011

O crítico Armando Requeixo publicou nos xornais El Ideal Gallego, Diario de Ferrol, Diario de Arousa e Diario de Bergantiños unha recensión crítica sobre Extramunde, de Xavier Queipo.

 

Os extramundes narrativos de Xavier Queipo

Teño manifestado nalgunha outra ocasión que a traxectoria literaria de Xavier Queipo ao longo dos últimos vinte anos o acredita como un dos nosos máis sólidos valores narrativos desta hora, polo que evitarei aquí repetir vellas palabras. Secasí, esta constatación debería non perderse de vista para o que a seguir explicarei sobre a súa última novela, Extramunde, flamante gañadora do máis recente Premio Xerais.

Nas case catrocentas páxinas ao longo das cales se estende a obra Queipo ofrece non unha, senón varias novelas. A particular estrutura deseñada para o libro transparenta un deseño capitular cuatripartito que, internamente, responde a tres tramas ben diferenciadas e perfectamente autónomas: unha primeira novela, “O santuario dos embruxados”, na que se nos mergulla no avolto mundo da relixión e a superstición en tempos de Felipe II no particular e xenuíno espazo do santuario de Santo André de Teixido, ata o que chegan moreas de posuídos, doídos, eivados e demais fauna humana na procura dunha milagrosa cura aos seus males, confiando nos divinos oficios dun crego oracular de dobre e licenciosa vida cunha barragá filla de meiga. Esta é, sen ningún xénero de dúbida, a mellor das apostas de Extramunde, que, infortunadamente, apenas se alcanza o cento de páxinas no conxunto do volume.

A esta primeira novela seguen outras dúas anexadas por continuidade, nun atume levísimo que apenas se se sostén na coincidencia de contadísimos personaxes e nunha sucesión cronolóxica e causal que aparece forzada e na que non custa descubrir as costuras de punzadas grosas dadas polo escritor, quen soluciona as progresións con mortaldades masivas que o liberan de maiores preocupacións de cabos soltos de personaxes aos que, deste xeito, deixa sen lles tirar todo o partido que podería.

A segunda destas narracións é un relato de aventuras de navegación mariña, ao estilo dos grandes do xénero como Stevenson, Salgari ou o seu admiradísimo Joseph Conrad, a quen Queipo ten traducido para o galego e que nunha das súas célebres novelas mariñas ten como leimotiv, precisamente, a solución diexética que disolve e pon remate a esta segunda novela que englobaría as partes tituladas “A navegación oceánica” e “A navegación polo Índico”. Nesta segunda historia, Queipo fai gala dos seus amplos coñecementos como biólogo mariño, por veces de profusión abouxadora, e vai guiándonos nun singrar oceánico dende Betanzos ata Borneo nun tempo lentísimo que rende o lector, nunha iteración de escenarios e encontros que ben poderían terse reescrito con menor luxo de detalle, pois tal prurito sumatorio nada substantivo engade nin ao debuxo esencial da trama nin ao perfilado dos personaxes nin á estilística da prosa, que brillaría sintética por igual.

Finalmente, a terceira das novelas correspóndese coa cuarta das partes do volume, “A vida dos daiak”, historia dun náufrago que sobrevive nunha illa habitada por unha tribo caníbal na que acabará integrándose e mesmo sendo figura referencial ao casar coa filla do xefe tribal e converterse nun grande guerreiro. Na estela do Jeremiah Johnson de Henry David Thoreau, brillantemente filmado por Pollack (cunhas aventuras de Redford entre os indios crow que tal parecen paradigmático modelo destas entre os daiak de Paulos Tomé, o Roxo de Extramunde), este derradeiro fío narrativo de Queipo ten cabo nun “Epílogo” xustificatorio a modo de manuscrito testemuña das aventuras vividas polos personaxes ao longo da súa expedición marítima que resulta unha engádega gratuíta, innecesaria narratoloxicamente e que non achega ren imprescindible a un texto que ten de se explicar por si mesmo.

O mellor deste Extramunde a labrada prosa que en moitos treitos desprega Queipo, facendo gala dun habelencioso manexo dos recursos do idioma, cun aproveitamento de imaxes e tropos que transforman os parágrafos en pequenas caixas chinesas inzadas de sorpresas para o lector agradecido á escrita de buril artesán.

Armando Requeixo

Deixa un comentario!