Menu Xerais

«A Ribeira Sacra. Guía Práctica», de Manuel Garrido, en Galicia Hoxe e El Correo Gallego

A guía de vixe sobre a Ribeira Sacra, A Ribeira Sacra. Guía Práctica, escrita por Manuel Garrido, ocupou onte a atención dos xornais Galicia Hoxe e El Correo Gallego. A información de El Correo Gallego pode descargarse en pdf. Reproducímos o texto, escrito por Xabier Sanmartín, de Galicia Hoxe:

A natureza xenerosa

A paixón pola Ribeira Sacra levou a Manuel Garrido a escribir unha guía sobre a rexión que se converteu nun dos éxitos editoriais da tempada

Manuel Garrido e o autor do libro A Ribeira Sacra, guía práctica, manual de 312 páxinas editado por Xerais cu­xa edición conxunta en galego e castelán xa superou o teito dos 3.500 exemplares vendidos. Vinculado por parte de pa­dre a Xunqueira de Espadañe­do, Garrido é desas persoas que percorre quilómetros sen te­mor a deterse alá onde a súa marcha é freada por algo que chama a atención, xa sexa unha paisaxe ou un monumento.

“Gústame viaxar e son un namorado da Ribeira Sa­cra…”, di para explicar por que emprendeu o esforzo que desem- bocou neste volu­me. “Ó empezar o proxecto sempre tratei de pórme na pel dos visitantes, achegando información útil, con sentido práctico, algo que case ningunha guía sobre a zona achegara ata agora”.

Infinidade de fotografías, ma­pas, datos, apuntamentos históricos, teléfonos, webs, enderezos, curiosidades e rueiros, sal­pican unha publicación organi­zada en catro apartados: A Ribeira sacra dos moste­rios e o viño; Como chegar; Os Peares; e… Rutas, área que a su­pón o 80 por cento da guía, onde se detallan as carac­terísticas, servizos e historia que completan a información turística e monumental propia de cada un dos once perco­rridos propostos.

“A Natureza foi moi xenerosa coa Ribeira Sacra, así que o home ten pouco que facer, iso si, convén sinalizar mellor algúns lugares, lograr que os habitantes su­ban a súa autoestima e mellorar algo o sector servizos aínda que agora mesmo hai unha ampla e variada oferta. Doutra banda, moitas igrexas están pechadas e conviría buscar un siste­ma para que abran, iso refor­zaría o atractivo da zona, que xa de seu é moito”.

Namorado a nivel “senti­mental”, ese paraíso consentido polas ribeiras do río Sil e do Miño ó sur da provincia de Lugo e ó norte da de Ouren­se, Manuel evoca tres dos seus recunchos favoritos.

“En Doade, no Concello de Sober, reco­mendo visitar o Miradoiro Pe­na do Castelo, que ten unha panorámica alucinante dos canóns. Logo, ó redor do Mosteiro de Santo Estevo, agora convertido en parador, hai rutas e lugares moi fer­mosos que permanecen case como estaban no medievo. E ademais, tamén aconsello co­ñecer Castro Caldelas”.

Potenciar

Unha terra aínda por explorar

Garrido opina que o pouso do Xacobeo 2010 debe aproveitarse como vento a favor para promocionar xeo­grafías como a Ribeira Sacra, “que aínda está por explotar, reune o suficiente interese ca­paz de atraer a moitos tipos de viaxeiros e turistas porque o ten todo”, engade. O libro inclúe retratos de personali­dades que deixaron o seu sinal na zona, como o Conde de Lle­mos ou o pintor Parada Justel.

Xabier Sanmartín

Comentarios pechados