Menu Xerais

A sabedoría da gastronomía clásica: «Abecedario das mantenzas», de Fausto Galdo

Manuel Bragado publicou no seu blog Brétemas unha crónica sobre a presentación do libro Abecedario das mantenzas, de Fausto Galdo.

 

«Abecedario das mantenzas», lembrando a Fausto Galdo

Na sede da Real Academia Galega celebramos a presentación do Abecedario das mantenzas. O acto constituíu unha intensa e emocionante homenaxe a Fausto Galdo, o seu autor, falecido o pasado mes de novembro cando a edición do libro estaba comezando a ser encadernada. Médico reumatólogo queridísimo, Galdo pertenceu a esa xeración de médicos humanistascoruñeses, irrepetible, que consideran o ser humano na súa integridade. Así foi lembrado na presentación por Cristino Álvarez, que encadrou esta enciclopedia gastronómica na estirpe das obras clásicas publicadas por Alexandre Dumas, Ángel Muro ou nos diversos dicionarios gastronómicos de Larousse.

Xosé Ramón Barreiro Fernández lembrou con emoción a Fausto salientado que “a pesar de non chegar a tempo para a presentación, estaba presente no acto”. Valorou, despois, “esta enciclopedia gastronómica galega como o auténtico testamento intelectual de Galdo. Aquí aparece todo o que ten que ver coa mantenza, toda a súa sabedoría. Faino de forma asequible, integrando con enorme xenerosidade os nomes de todos os que en Galicia escribiron sobre temas gastronómicos”. O profesor Barreiro insistíu na importancia do libro: “Isto é cultura galega. Non só por estar escrita en lingua galega. A cultura no seu fondo é a forma que a comunidade galega tivo de dar resposta as súas necesidades en forma de beleza. A forma que ten un pobo de comer é cultura. Con este gran libro Fausto Galdo fixo patria”.

Pechou as intervencións Faxildo Galdo, un dos fillos de Fausto, autor da ilustración de cuberta, realizando unha fermosa e moi emocionante biografía gastronómica do seu pai. Faxildo definíu o Abecedario das mantenzas como un “libro de gastrosofía”, lembrando ao seu pai como un “grande discutidor e escoitante”, no que o interese pola cultura das mantenzas, a pesar de que cociñaba pouco, foi un continuo na súa vida. Unha presentación inesquecible, na que o salón da RAG quedou pequeno.

El Ideal Gallego publica unha ampla crónica do acto e os xornais La opinión da Coruña e Faro de Vigo publican hoxe na súa última páxina unha ampla reportaxe sobre o libro.

Manuel Bragado

Comentarios pechados