Menu Xerais

A V Gala do Libro Galego 2020 premia dous títulos de Xerais: «Dentro da literatura», de Suso de Toro; e «Os corpos invisibles», de Emma Pedreira

O xurado da quinta edición dos premios da Gala do Libro Galego deu a coñecer as obras e autoras gañadoras nesta convocatoria que, pola situación causada pola pandemia do COVID19, viuse na obriga de ser adiada ao outono. A Gala do Libro Galego tiña prevista a súa celebración tal día coma hoxe, 9 de maio de 2020, e a organización do evento, decidiu manter as deliberacións do xurado e dar a coñecer os libros gañadores na mesma data e adiar a gala para o outono vindeiro en canto as condicións o permitan. Os premios de honra que anualmente se conceden tamén na Gala do Libro Galego adiáronse ata a celebración deste acto.


A Gala está organizada pola Asociación Galega de Editoras (AGE), Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG), e a Federación de Librarías de Galicia (FLG) e conta coa axuda de CEDRO (Centro Español de Derechos Reprográficos), Xunta de Galicia, Deputación da Coruña e o Concello de Santiago.


O xurado desta quinta edición estivo formado pola xornalista e poeta Ana Romaní, a profesora Anxos Rial, o escritor Antón Riveiro Coello, a poeta Estíbaliz Espinosa, o editor e profesor Manuel Bragado, a tradutora María Alonso Seisdedos e crítico literario e escritor Ramón Nicolás. O xurado celebrou unha reunión telemática para debater sobre as propostas finalistas nas quince categorías (que podedes consultar aquí: http://www.editorasgalegas.gal/finalistas-da-gala-do-libro-galego-2020/) e que corresponden con obra publica durante o ano 2019.

Os membros do xurado sinalaron as dificultades de elección entre un conxunto de obras de altísima calidade o que, segundo explicaron, quere dicir que estamos nun bo momento da creación literaria e do mundo do libro galego neste momento particularmente difícil que atravesa a sociedade.

As obras de Xerais gañadoras nesta edición foron:

 

Ensaio e investigación 
Dentro da literatura, de Suso de Toro (Edicións Xerais de Galicia) 

Xuvenil 
Os corpos invisibles, de Emma Pedreira (Edicións Xerais de Galicia) 

Deixa un comentario!