Menu Xerais

A valentía fronte á adversidade: «O Castañeiro de Abril», de Antonio Manuel Fraga, Premio Merlín de Literatura Infantil 2013. Crítica de María Navarro

O suplemento Faro da Cultura, de Faro de Vigo publicou recensión crítica de María Navarro sobre O Castañeiro de Abril, de Antonio Manuel Fraga, Premio Merlín de Literatura Infantil 2013, ilustrado por Antonio Seijas.

 

Dignidade e valentía

Lembranzas da novela picaresca

O Castañeiro de Abril, premio Merlín de Literatura Infantil 2013, apunta directamente á dignidade e á valentía que determinadas persoas amosan ante a vida cando termos como adversidade ou inxustiza cobran un significado especial.

Se ben o trasfondo da historia semella un canto á loita, a estrutura superficial resulta pouco críbel, aínda que apelemos á maxia. Considerar que a ficción o explica todo e que nela teñen cabida dende o acto máis reprobable,como o maltrato a un neno cago, ata o sentimentalismo que subxace do reencontro que manteñen pai e fillo, semella un erro.A mestura de planos, real e imaxinario; de sensacións, maldade e necesidade, e ata de momentos irreconciliables, castañas e primavera, responde máis a un desexo de tocar temas ca o de servir á trama central.

O relato contado en terceira persoa por Buto, un zapateiro que se considera cirurxián do calzado, quere ser transgresor dende o comezo, afastándose do trato cordial cos demais e tratando despectivamente os clientes. Logo un xogo de aparicións e desaparicións dálle protagonismo a un neno, que ha de vivir nun ambiente hostil que todos coñecen, pero que ninguén denuncia.

Ao final a irrupción na historia de Xosé Outeiro volta esaxeradamente positiva a situación e remata cun final feliz cáseque ilóxico, que nos lembra a novela picaresca do século XVI. Que o lector lea e xulgue!

María Navarro

Comentarios pechados